A Cámara de Comercio de Santiago apoia un proxecto urbanístico para ampliar o porto deportivo de Vilagarcía

O Salnés
27 de xaneiro 2015

O pleno da Cámara de Comercio apoia o proxecto urbanístico Compostela 2M21, para converter a praia urbana de Vilagarcía de Arousa no areal ⿿natural⿝ de Santiago

Infografía do proxecto Compostela 2M21
Infografía do proxecto Compostela 2M21 / Sánchez-Agustino Arquitectos.

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela vén de celebrar o seu pleno ordinario do mes de xaneiro no que os seus membros consensuaron o seu apoio ao proxecto Compostela 2M21 do estudio de arquitectura Sánchez-Agustino Arquitectos.

Este proxecto urbanístico, que ten como horizonte o Ano Santo 2021, pretende a recuperación da praia "urbana" de Vilagarcía de Arousa como a praia "natural" de Santiago de Compostela, dada a súa proximidade e a súa magnífica comunicación coa capital galega por ferrocarril en tan só quince minutos.

O proxecto Compostela 2M21 inclúe a ampliación do porto deportivo de Vilagarcía, co triple de puntos de amarre para barcos deportivos e de recreo de diferentes calados. Suporía ademais a creación dunha área urbana de recreo e comercio que completaría a oferta lúdica do areal. En definitiva, o proxecto contempla a creación dunha nova fronte marítima para a urbe, cun areal de quilómetro e medio conectado coa praia de Compostela, que recuperaría a fachada orixinal de Vilagarcía cara ao mar.

Os arquitectos consideran que o feito de que Santiago dispoña dunha praia próxima permitiría que a oferta turística da cidade inclúa o atractivo dun areal, o que melloraría a oferta turística da comunidade e mesmo de Vilagarcía de Arousa que estaría nese momento dentro do circuíto turístico nacional.

O proxecto autofinanciaríase coa venda e aluguer dos amarres e a superficie comercial

"Os cidadáns, visitantes e turistas de Santiago de Compostela poderán gozar da praia a diario sen ter que usar un coche", destacaron.

O proxecto autofinanciaríase coa venda e aluguer dos amarres e a superficie comercial.

Compostela 2M21 recibiu xa o respaldo de multitude de entidades, asociacións empresariais e de comerciantes e agrupacións políticas de Vilagarcía de Arousa polas posibilidades de crecemento económico e social, a creación de postos de traballo e como elemento dinamizador da comarca, así como para as cidades conectadas pola vía do ferrocarril como Santiago de Compostela.