A Cámara de Comercio de Pontevedra, ofrece ás empresas e autónomos da súa demarcación un novo servizo para realizar a posible tramitación de reclamación destas cantidades cobradas de forma indebida polo chamado "céntimo sanitario".
A sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que acaba de declarar ilegal o Imposto sobre as Vendas Minoristas de Determinados Hidrocarburos argumenta que o "céntimo sanitario", incumpre a directiva comunitaria sobre Impostos Especiais.
Este tema foi debatido na xornada celebrada o pasado día 13 de marzo no salón de actos da Cámara, e espertou grande interese entre as empresas participantes.
A reclamación sobre a súa devolución alcanza a todos os produtos obxecto do "céntimo sanitario" (gasóleo de automoción, biodiésel, gasóleos de calefacción e agrícola, gasolina, fuelóleo e queroseno), así como dos intereses de demora, podendo reclamarse o importe do imposto soportado durante os anos 2010, 2011 e 2012; por iso a Cámara decidiu poñer en marcha esta plataforma para poder solucionar as reclamacións e tratar de xuntar intereses de cara a obter mellores resultados.
As empresas que queiran poñer en marcha as súas reclamacións a través deste novo servizo que ofrece a Cámara de Comercio de Pontevedra, deberán enviar un correo electrónico á seguinte dirección: centimosanitario@camarapontevedra.com, facilitando datos da súa empresa e motivo da súa reclamación.