A incidencia da covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés vai, aos poucos, reducíndose debido ás restricións vixentes desde hai xa dúas semanas.
Un claro exemplo é a cidade de Pontevedra, que ten 492 casos activos. Son 43 menos que onte. A incidencia acumulada a 14 días sitúase en 548 casos por cada 100.000 habitantes, o nivel máis baixo do últimos quince días.
Tres son os municipios que seguen cunha incidencia superior a 1.000. Son, por esta orde, Forcarei, Soutomaior (127 casos, -12) e Poio. Neste último caso, a súa cifra de contaxiados reduciuse en 25 con respecto a onte. Ten un total de 242 veciños infectados.
Sanxenxo, pola súa banda, tamén reduce os seus casos activos en doce, ata un total de 155; mentres que Moraña, que baixa un banzo no seu nivel de alerta, ten 33 casos (dous menos).
Meaño, con 37 casos (un menos); Ponte Caldelas, con 44 (sen cambios); Meis, Caldas de Reis, Vilaboa, A Lama, con 17 (un menos); Ribadumia, con 30 (catro menos); e Cuntis, con 29 (dous máis) son o resto dos municipios da área sanitaria que teñen unha incidencia maior a 500.
Por baixo deles preocupa a evolución de Cerdedo-Cotobade, que rexistra sete infectados máis e ten 35 casos activos. Tamén soben, aínda que máis timidamente, en Marín con 123 casos (un máis); ou Barro, con 22 (dous máis).
Vilagarcía e Vilanova, que contan con seis e catro contaxiados menos que onte, suman 175 e 36 casos activos respectivamente. Tendencia á baixa tamén se rexistra en Cambados, con 60 casos (dous menos); e Campo Lameiro, con 6 (tres menos).
Non hai cambios neste sentido nin na Illa de Arousa (23 casos) nin en Portas (14 casos).
Con 27 casos activos (un máis), Bueu mantense como o único municipio da área sanitaria que ten unha incidencia a 14 días por baixo de 250 casos por cada 100.000 habitantes.
A incidencia acumulada a 14 días de cada municipio, a partir dos datos proporcionados polo Servizo Galego de Saúde, pódese consultar no mapa que acompaña a esta información.