A cafetería do Club Naval xa ten inquilinos: reabrirá as súas portas este mesmo verán

Pontevedra
06 de xullo 2022

Once anos, desde 2011, leva pechada a cafetería do porto deportivo de Pontevedra. Durante todo ese tempo, houbo varios intentos por reabrila. Pero todos caeron en saco roto. Polo menos, ata o de agora. O Club Naval logrou alugar o establecemento. Os seus novos inquilinos, unha empresa de restauración con negocios en Asturias, Madrid e México

Cafetería do Club Naval
Cafetería do Club Naval / PontevedraViva

Once anos, desde 2011, leva pechada a cafetería do porto deportivo de Pontevedra. Durante todo ese tempo, houbo varios intentos por reabrila. Pero todos caeron en saco roto. Polo menos, ata o de agora. O Club Naval logrou alugar o establecemento.

O seu presidente, Carlos Paz, confirma a PontevedraViva que os seus novos inquilinos, unha empresa de restauración con negocios en Asturias, Madrid e México, prevén abrir a cafetería este mesmo verán, para o que xa comezaron a rehabilitar o local.

"Xa está todo encarrilado e a verdade é que estamos moi contentos, porque era algo que nos faltaba", explica o responsable do Club Naval, que se mostra convencido de que este servizo "daralle un encanto a maiores a este porto deportivo".

O contrato cos novos adxudicatarios da cafetería será un "alugueiro brando", segundo Carlos Paz, que se estenderá inicialmente ata o ano 2033, data na que conclúe a concesión administrativa que Portos de Galicia outorgou ao Club Naval para explotar estas instalacións.

A reforma do local, en todo caso, é máis que profunda. A cafetería quedara en moi mal estado tras o desaloxo forzoso dos seus últimos arrendatarios.