A cafetaría do Pazo da Cultura reabrirá en outubro

Pontevedra
30 de setembro 2014

Tras mais dun ano pechada, o goberno municipal ultima a firma do contrato da nova empresa adxudicataria. Trátase do Grupo Mochi, que xestionará as instalacións ata o 31 de decembro de 2019. Ambas as dúas partes esperan que, tras as obras de acondicionamento que está a realizar a empresa, a reapertura se produza a mediados de outubro

Terraza da cafetaría do Pazo da Cultura
Terraza da cafetaría do Pazo da Cultura

En apenas un par de semanas, o Pazo da Cultura volverá reabrir a súa cafetaría. Tras mais dun ano pechada, o goberno municipal ultima a firma do contrato da nova empresa adxudicataria. Trátase do Grupo Mochi, que xestionará as instalacións ata o 31 de decembro de 2019. Ambas as dúas partes esperan que, tras as obras de acondicionamento que está a realizar a empresa, a reapertura se produza a mediados de outubro.

Despois dun concurso aberto e público que quedou deserto por falta de ofertas, o Concello de Pontevedra, facendo uso dunha fórmula de contratación recollida na Lei de Contratos Públicos, invitou a tres empresas con ampla experiencia no sector a presentar as súas propostas para facerse cargo da cafetaría e o restaurante do Pazo, sendo a de Mochi a máis vantaxosa para os intereses municipais.

A empresa pagará anualmente un canon de 6.000 euros máis IVE, revisable en función do IPC correspondente ao sector da hostalaría. Tras cumprirse o prazo inicial fixado na concesión, o contrato poderá ser prorrogado cada ano, ata un máximo de dez anos.

A dotación do mobiliario e do equipamento necesario para prestar este servizo correrá a cargo da empresa adxudicataria. Poderán utilizar o espazo destinado a cafetaría e restaurante, terraza incluída, aínda que tamén se poderán instalar mesas, cadeiras ou veladores fóra deste ámbito, sempre que teña a autorización expresa do Pazo. Ademais, a cafetaría deberá estar atendida, como mínimo, por dúas persoas.

Nun principio, as instalacións terán o mesmo réxime de explotación que anteriormente. O seu uso estará vinculado coa actividade habitual do Pazo da Cultura, pero tamén poderá acoller banquetes, ceas e todo tipo de celebracións.