A Brilat volverá patrullar os montes este verán para loitar contra os incendios

Pontevedra
02 de xuño 2020

Javier Losada deu a coñecer a renovación do convenio entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Defensa para executar esta operación, na que o verán pasado despregáronse 460 militares que percorreron uns 350.000 quilómetros. A  UME repetirá este verán destacamento na base General Morillo de Figueirido

Despregamento da Operación Centinela Gallego
Despregamento da Operación Centinela Gallego / Mónica Patxot

A Brigada Galicia VII, Brilat, volverá este verán aos montes galegos para despregar a operación Centinela Gallego, na que cada ano realiza patrullas con fins disuasorios e de alerta temperá no marco da campaña de loita contra os incendios.

A Brilat leva desde o mes de marzo realizando un despregamento especial en toda Galicia e outras comunidades do noroeste peninsular para realizar distinto tipo de accións de loita contra o coronavirus en cumprimento da denominada operación Balmis e no verán, nun data aínda sen concretar, sumará a eses labores a operación Centinela Gallego. 

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, deu a coñecer este martes a renovación do convenio entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Defensa para executar esta operación, na que o verán pasado se despregaron 460 militares que percorreron uns 350.000 quilómetros.

Esta operación implica cada verán á Brigada Galicia VII do Exército de Terra e o Terzo Norte de Infantería de Mariña e, segundo confirmou a Delegación do Goberno, este ano repetirán un despregamento similar ao do verán de 2019

Losada tamén anunciou este martes que a Unidade Militar de Emerxencias (UME) tamén estará ao dispor da Xunta de Galicia se se require a súa actuación na loita contra o lume e que este verán, como o pasado, haberá un destacamento situado na base General Morillo da Brilat en Figueirido. 

Este anuncio realizouse tras un encontro de traballo celebrado este martes na Delegación do Goberno para analizar o dispositivo pensado para a época estival, a de máximo risco. Na reunión participaron, ademais do delegado do Goberno en Galicia, o delegado de Defensa na comunidade, o coronel Antonio Bernal; o xefe do V Batallón de Intervención de Emerxencias da  UME, o tenente coronel Alberto Barja; o xefe da XV Zona da Garda Civil, o xeneral Luís Francisco Rodríguez; o xefe superior de Policía de Galicia, José Luis Balseiro; a xefa da Unidade de Protección Civil na Comunidade, María Dolores Gómez; o secretario xeral da Delegación do Goberno, Alberto de la Fuente; e a xefa do Gabinete Técnico da Delegación, María Rivas.