Unha vintena de militares pertencentes á Brigada Galicia VII (Brilat) poñerá rumbo a Mali nos próximos días para participar nunha misión internacional que ten como obxectivo realizar labores de instrución ao exército deste país africano.
Durante os dous últimos meses, os efectivos que serán despregados en Mali, dezaoito do Batallón Toledo do Rexemento Príncipe 3 con sede en Siero (Asturias) e dous do Batallón de Zapadores VII de Pontevedra, formáronse especificamente para esta misión.
O persoal da Brilat forma parte dunha das unidades militares de educación e adestramento que integran a misión EUTM- Mali, dirixida pola Unión Europea.
O seu lugar de traballo durante o próximos seis meses estará nas instalacións de Centro de Adestramento de Koulikoro, unha localidade próxima a Bamako, a capital de Mali.
Os militares españois asumirán o papel de proporcionar instrución a nivel táctico ás forzas armadas malianas, para que sexan capaces de contribuír á defensa do seu territorio nacional e protexer á súa poboación.
Entre as actividades de instrución e adestramento realizadas por este equipo de instrutores, destacan os exercicios de tiro, instrución sanitaria, ciberseguridad e actividades teórico prácticas de formación sobre armamento e equipos específicos.
A misión EUTM- Mali forma parte do enfoque integral da Unión Europea para a seguridade e o desenvolvemento na zona do Sahel. África, xunto cos países da contorna do Mediterráneo, constitúen para España a "máxima prioridade", destacan desde a Brilat, á hora de contribuír á seguridade no exterior, xa que da súa estabilidade e prosperidade "depende en gran medida a nosa e a de Europa".