A Brigada Galicia VII, a Brilat, volveu a despregarse este mércores en dúas localidades nas que os cidadáns xa empezan a estar afeitos ver os militares, Poio e Marín, para realizar funcións de vixilancia e recoñecemento no marco da operación Balmis e da aplicación do estado de alarma.
No caso de Poio, este martes os militares realizaron patrullas por Combarro e este mércores regresaron ao municipio, pero para patrullar por novas zonas.
En Pontevedra, como é habitual, realizaron patrullas conxuntas con axentes da Policía Nacional por distintas rúas do centro.
Ademais, o despregamento das unidades da Brilat tamén incluíu este mércores 1 de abril misións de presenza e recoñecemento en Ourense, Porriño, Oviedo e Xixón.
Este despregamento ten o obxectivo de recoñecer as zonas máis conflitivas e infraestruturas críticas en canto a riscos de contaxio e establecer unha ligazón sólida e eficaz con autoridades locais para facilitar os labores de presenza e vixilancia de militares na cidade en caso de incumprimentos das medidas establecidas polo estado de alarma decretado polo Goberno a nivel estatal.
Os equipos de descontaminación NBQ (Nuclear, Bacteriolóxico, Químico) da Brigada despregáronse este mércores para realizar labores de desinfección na residencia Doral en Vigo e nas estacións de tren e autobús de Pola de Siero, en Asturias.
Así mesmo, a Brigada asumiu misións de apoio para o despregamento da estación de triaje no Hospital Central de Asturias en Oviedo ( HUCA) e labores de apoio á Garda Civil de control fronteirizo en Arbo, Salvaterra, Tui e Tomiño.
Esta actividade da Brilat realízase no marco da operación Balmis, que coordina o Mando de Operacións, relativa ao despregamento das Forzas Armadas en toda España para loitar contra a pandemia producida polo virus COVID-19.