A Brilat activará o 15 de xullo a campaña contra os incendios forestais

Pontevedra
09 de xullo 2013

A conselleira do Medio Rural e do Mar e o director xeral de Política de Defensa asinaron este martes en Santiago o acordo, continuando así con máis de 10 anos de colaboración. A Xunta destinará para este cometido case 550.000 euros e o Ministerio despregará efectivos militares. A Escola Naval de Marín será a base de operacións dunha sección da Unidade Militar de Emerxencias (UME)

Efectivos da Brilat durante a campaña 'Centinela Gallego'
Efectivos da Brilat durante a campaña 'Centinela Gallego' / BRILAT OC

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, e o director xeral de Política de Defensa, o Almirante Juan Francisco Martínez Núñez, asinaron este martes o convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Defensa para a prevención de incendios forestais na Comunidade.

A Consellería destinará case 550.000 euros e dotará ás patrullas de dispositivos GPS adecuados coa correspondente cartografía dixital. Pola súa banda, o Ministerio despregará efectivos militares que patrullarán as distintas áreas forestais coa misión de vixiar os montes galegos e de disuadir aos posibles incendiarios. 

O plan de prevención activarase o día 15 de xullo, e estará vixente ata o 15 de setembro con 25 patrullas terrestres ademais de helicópteros de vixilancia, en caso de situacións de alto risco.

Esta cantidade de operativos manterase cun nivel medio de risco, e aumentará ata un máximo de 50 patrullas terrestres máis un helicóptero cando o risco sexa alto, e ata 75 patrullas e 2 helicópteros cando sexa moi alto.

A Escola Naval de Marín será a base de operacións dunha sección da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Serán un total de 23 militares que dispoñerán de tres autobombas e un camión ama.

Pola súa banda a Brilat despregará vinte e cinco unidades de tres soldados, unha cifra que, no máximo nivel de risco multiplicarase por tres e levará consigo o emprego de dous helicópteros de vixilancia.

Arquivado en