A brigada de obras de Bueu reforza os seus medios

Bueu
13 de xullo 2021

A brigada de obras e servizos acaba de recibir unha nova furgoneta con remolque valorada en 26.064,63 euros. Permitirá que o fontaneiro, electricista, xardineiro, peóns oficiais e persoal de limpeza viaria conten cun vehículo amplo, ao tempo que tamén serviría para o transporte de pequeno material necesario para acometer diversas obras

Nova furgoneta da brigada de obras e servizos de Bueu
Nova furgoneta da brigada de obras e servizos de Bueu / Concello de Bueu

A brigada de obras e servizos do Concello de Bueu reforza os seus medios para prestar un mellor servizo. Acaba de recibir unha nova furgoneta con remolque, que se mercou con cargo ao Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.

Esta nova furgoneta, valorada en 26.064,63 euros, IVE engadido, fai medrar a frota de vehículos municipal. Tal e como avanza o alcalde, Félix Juncal, permitirá que o fontaneiro, electricista, xardineiro, peóns oficiais e persoal de limpeza viaria conten cun vehículo amplo, ao tempo que tamén serviría para o transporte de pequeno material necesario para acometer diversas obras. 

O obxectivo do goberno municipal é dotar á brigada de obras e servizos de máis vehículos, e de cara ao próximo ano é probable que se volva licitar o subministro dun camión baldeador e dun camión con brazo grúa, dado que este ano a eses lotes non se presentou ningunha empresa. Estes vehículos sumaríanse á máquina varredora, que xa se adquiriu con cargo a axudas da Deputación hai catro anos. 

Félix Juncal recolleu este martes as chaves do novo vehículo xunto a Álvaro Otero, capataz de obras e servizos, e Alfredo de la Campa, arquitecto técnico municipal. Foi adquirida a Galmotor Comercial del Automóvil SL, despois da tramitación do correspondente proceso de licitación.