A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, e o edil de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, acompañados polas responsables da firma Carta Blanca, Marga Pazos e Elena Vitoria, achegáronse ata o stand da Capital Española da Gastronomía (CEG) en Fitur para manter un encontro co director xeral da CEG, Pedro Palacios, e mailo presidente da Academia da Tapa e do Pintxo, Mikel Martínez.
A xuntanza, na que os representantes destas importantes entidades gastronómicas españolas enxalzaron os valores e consistencia do proxecto que o Concello está a desenvolver a través da marca Pontevedra Capital Gastro, Blanco e Puentes amosaron os galóns e potencialidades que a nosa cidade posúe de cara a converterse en CEG 2023 e en sede do I Campionato Galego de Pinchos e Tapas para cociñeiros.
Tras esta xuntanza no Ifema, a socialista Yoya Blanco lembrou que a Concellería de Promoción Económica e Turismo ten por diante un intenso traballo ata o mes de novembro (no que se agarda coñecer se Pontevedra acada ou non o título de CEG 2023, coincidindo coa Feira Internacional de Turismo de Valladolid) e asegurou ter quedado cunhas sensacións "extremadamente positivas" da reunión, xa que "estamos no camiño axeitado".
A concelleira de Promoción Económica e Turismo calificou de "moi interesante" a proposta plantexada polo presidente da Academia da Tapa e do Pintxo, que vén de celebrar o Campionato de Pinchos e Tapas en Castela e León, para que Pontevedra acolla a primeira edición deste Campionato en Galicia.
"Tiven ocasión de ver un exemplo en imaxes do que foi este concurso (Mikel Martínez amosoulle unha publicación) e a vontade é a de organizalo tamén en Galicia e, especificamente na nosa cidade. En Pontevedra temos xa tódolos anos o noso Pontedetapas e contamos con xente moi potente que se dedica á tapa e o pincho, polo que imos apostar por poñer en valor esta liña de traballo", afirmou Blanco.
Mikel Martínez sinalou que "desde a Academia da Tapa e do Pintxo de España tentamos buscar cidades nas diferentes comunidades autónomas que alberguen o que, no caso de Pontevedra, sería o I Campionato de Pinchos e Tapas de Galicia". Tal e como precisou, "a nosa idea é a de xuntar en Galicia a uns 40 ou 50 cociñeiros de toda a comunidade para que compitan polo premio ao mellor pincho e ao mellor cociñeiro de pinchos e tapas de Galicia".
"Por que Pontevedra? Pois porque xa ten uns mimbres no que se refire a valores turísticos e gastronómicos que lle permiten poder aproveitar mellor que outras cidades o que pode achegar un evento gastronómico destas características, que serve para promocionar a gastronomía galega e algo tan noso como os pinchos e as tapas, xa que somos o único país do mundo no que, con algo para comer nunha man e algo para beber na outra, nos relacionamos e vivimos socialmente. Se iso o unimos a unha cidade con valores turísticos e históricos como Pontevedra, temos unha conxunción astral: o resultado ten que ser marabilloso para a gastronomía, para a cidade e para os pinchos e tapas", apuntou Martínez.
PALACIOS: "COMPARTIMOS A POLÍTICA TURÍSTICA DE PONTEVEDRA"
Pola súa banda, Pedro Palacios explicou que no proceso para outorgar o título de Capital Española da Gastronomía (CEG) "o único que pesa é a opinión do xurado, que se reunirá entre outubro e novembro para avaliar o dossier coa proposta, o programa de actividades, as ideas e garantías que achega e os valores gastronómicos dunha hostalería e duns produtos de calidade dunha cidade que é amable co visitante e que ademais desenvolveu unha política turística que compartimos".
Segundo indicou o presidente da CEG, "o traballo realizado en Pontevedra ata a data é moi importante e seguramente vai influír no xurado de xeito positivo", xa que este título "non é unha flor de verán: cando un amosa que leva moitos meses promocionando a gastronomía, falando dela en positivo, cun programa como Pontevedra Capital Gastro, ese é o mellor aval que se pode ter".
Para Palacios, a reunión de hoxe resultou "moi positiva neste sentido", porque "compartimos moitos puntos", e agora "hai que esperar a que no mes de xuño se xestione a invitación para participar a tódolos alcaldes, deixar uns tres meses para que as cidades poidan elaborar o seu dossier de candidatura e, en outubro, avaliar dito dossier a través dun comité técnico que decidirá, que influirá e informará ao xurado".
"En novembro, o xurado tomará a súa decisión. A nosa idea é que o nomeamento se poida realizar en Intur, en Valladolid", adiantou o presidente da CEG.