"Hoxe é un día grande para a Boa Vila", proclamou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, no Pleno de honra para entregar os premios Cidade de Pontevedra 2022 a Maite Méndez Fernández e á Orquestra Sinfónica de Pontevedra.
Estas distincións teñen unha "dobre virtude" sinalou o rexedor, xa que, ademais dun galardón, un recoñecemento público "tamén son unha mostra absoluta de agradecemento a persoas que deixaron unha pegada nas xentes e na historia desta cidade que lembraremos por sempre".
"Pontevedra sen persoas e colectivos como os que hoxe premiamos non sería a mesma. Non a recoñeceríamos como nosa. Sería outro lugar, outra cidade. Pode que nós tamén seríamos outros, pero por sorte non é así", dixo Lores en referencia á adestradora do Club de Baloncesto Arxil e á entidade presidida por Judith Rey Iglesias.
Neste 2023 Maite Méndez cumprirá 39 anos dentro do Arxil transmitindo amor polo deporte, pola competición sa e pola constancia do traballo a máis de catro mil nenas e mulleres.
Na súa intervención Maite definiuse como unha "afortunada" e lembrou que "nacín na Porta do Sol, en Lérez, así que pontevedresa me sinto pero non de pura cepa, porque son filla de emigrantes de Ponteareas" lembrou aos seus pais Teresina e Luís. E evocou como en 1984,"un grupo de mulleres da Cidade, revolucionamos as nosas vidas. Cabreadas por ter que renunciar a xogar a baloncesto por diversas circunstancias, decidimos que se non había oportunidades, poderíamos crealas".
Aquilo que algúns consideraron "rebeldía momentánea", era o inicio do Club Baloncesto Arxil que tiña como obxectivo "ofertar unha oportunidade a calquera meniña pontevedresa que quixera facer deporte e por suposto seguir desfrutando como xogadoras".
Maite Méndez tamén falou da súa etapa de mestra, agora recentemente xubilada, destaca como coa súa profesión "mergullaríame de novo no compromiso e implicación sociais, a aprendizaxe e formación continuas e unha morea de encrucilladas nas que había que remar sempre para resolver".
E da súa carreira profesional como Orientadora sinalou que "amosoume unha realidade para o alumnado de capacidades diferentes e ás súas familias moi frustrante" citando a asociacións como Xuntos Pontevedra, BATA, Xoán XXIII, a cidade infantil Príncipe Felipe... "que me enriqueceron totalmente".
E volveu de novo a falar do Arxil "cando me preguntan polos logros como adestradora ou polos logros do Club, realmente non sei que contestar. Suficiente a actividade de formación solo con mulleres 38 anos? Facelo cando era política e socialmente invisible? Cando non reportaba rédito nas subvencións ser un Club feminino? Que difícil, verdade? Porque ao final todo se reduce en vitorias en campionatos, fases de ascenso... E aínda que traballes, ¡hai tantos condicionantes!. Ao longo desta historia non se nos aceptou solo vencer, ademais tivemos que convencer".
Maite Méndez terminou a súa intervención cunha chamada ás empresas "apostade polo deporte feminino, sairedes reforzados" e tamén unha mensaxe para quen xestiona o deporte local e autonómico "impulsade as ferramentas que precisamos os proxectos modestos e femininos" e deixou un último apuntamento "a accesibilidade é unha prioridade".
Judith Rey protagonizou a anécdota do acto pois chegou con atraso, entraba no Teatro Principal xusto cando a secretaria da Orquestra Sinfónica acababa de recoller o Premio Cidade de Pontevedra, aínda que non houbo problema en repetir a entrega do galardón.
No seu discurso de agradecemento, Judith lembrou que son unha asociación que naceu no ano 2006, "na que un grupo de instrumentistas tiñamos afán por tocar e levar a nosa música por toda a cidade, e decidimos xuntar a máis músicos que tiveran as mesmas expectativas" que eran "integrarnos no contexto social, educativo, cultural e artístico de Pontevedra, e por extensión de toda Galicia".
O seu concerto de presentación foi en xuño de 2007 e desde ese ano "todo foi in crescendo: actuamos polos diferentes auditorios de Galiza, colaboramos con solistas de índole nacional e internacional, asociacións de música tradicional, coros, danza,… e ademais conseguimos crear canteira e somos xa tres orquestras: a orquestra infantil con nenos e nenas de 6 a 12 anos, a orquestra xove de 13 a 26, e a orquestra “dos maiores” como eles nos chaman, con músicos de tódalas idades".
Ademais do aspecto musical a Sinfónica está moi comprometida en "impulsar a perspectiva de xénero, unha iniciativa que pretende poñer nome a tódalas mulleres que hai detrás da música clásica, dende compositoras, a instrumentistas e directoras".
A presidenta da Sinfónica lembrou que foron varias as ocasións nas que eles como músicos estaban a poñer música a este acto, "e mentres se facía a entrega dos premios a outras persoas e asociacións (sempre moi merecidos), eu pensaba: buff… oxalá algún día puidera estar eu aí recollendo este premio. E o día chegou!! Asi que, qué máis podo engadir: que estou feliz!!!! "