A palabra 'influencer' saltou ao vocabulario popular hai escasos tres anos. Aínda que o termo xa está máis que consolidado no imaxinario colectivo, parece que son os mozos os que máis entenden que significa, sendo os nados entre os anos 1992 e 2000 o 42% dos produtores deste tipo de contido en redes sociais.
Cando falamos sobre as cidades favoritas dos millennials enganchados aos influencers, Berlín, Monreal, Londres ou Barcelona son algúns dos exemplos de escenarios cos que se ven máis identificados. Está claro que o cosmopolitismo arrasa nas redes, e por ese motivo chama a atención cando a Praza da Ferrería ou a Alameda de Pontevedra aparecen como pano de fondo de contidos patrocinados por grandes marcas.
Natalia Maquieira, de 28 anos, é unha das macroinfluencers máis prolíficas de Pontevedra. Con máis de 60 mil seguidores en Instagram, a pontevedresa rompe o mito de que este tipo de traballo só se desenvolve en grandes cidades. Aínda que estea graduada en Dereito, fala cun vocabulario publicitario case experto, e explica con soltura as reviravoltas da profesión que está na fala da xente, pero aínda en vías de ser recoñecida como tal.
A súa actividade é moitas veces recibida con incredulidade cando conta que non a desenvolve de maneira gratuíta. Moitos pensan que con tal de regalar os seus produtos xa poden gañarse un espazo no 'feed' do seu Instagram, ignorando todo o traballo de produción, xestión e comunicación que hai detrás. Á fin e ao cabo, esa cantidade de seguidores non creceu da noite para a mañá, e é froito de varios anos de traballo e autoaprendizaxe, coas súas cotas de autónomo incluídas.
Foi no seu 3º ano de carreira en Madrid cando naceu o seu blogue Paso a Paso. O que empezou como un diario persoal aos poucos foi direccionándose cara a contidos de moda. Ao volver á súa cidade natal, o seu proxecto seguiu crecendo. Tanto, que Maquieira comezou a ser chamada para participar na promoción de compañías internacionais como Ikea, Loewe, Puma, Tous, Krack ou Zalando.
Pero tamén hai espazo para as marcas locais, que viron na súa figura unha oportunidade para publicitar o seu negocio na internet. Nese sentido, a falta de eventos e de orzamento en Pontevedra fan que o labor de influenciador sexa un pouco máis dificultoso, pero en ningún caso imposible. Maquieira afirma que Pontevedra está máis que adaptada, e sinala que ten a sorte de coñecer a moitas das persoas que xestionan comercios locais preparadas para levar a cabo este tipo de comunicación.
PISO ENCANTADO
Ademais da súa faceta coa moda, a blogueira aventurouse a crear contido en Youtube, como resposta á necesidade de darlle movemento ao que relataba no seu blogue. Os seus primeiros vídeos, como conta ela, foron os máis difíciles. Tivo que aprender a desenvolverse en cámara e realizar a edición do seu contido. Agora, na súa canle con máis de 36 mil subscritores, son os vídeos da sección 'Piso Encantado' os que máis visitas recollen, e neles relata o proceso de transformación do seu piso situado no centro da cidade.
Foron necesarios dous anos de procura ata dar co fogar ideal, nun edificio antigo con teitos elevados e radiadores de ferro. Lonxe de modernizar o ambiente, Maquieira explica que é a estética 'vintage' o que a encandeou. Decidiu respectar eses elementos máis auténticos, adaptándoo aos novos tempos, mesturando mobles antigos cos do Ikea, e realizando ela mesma varias dos labores de reforma e decoración na súa casa.
Natalia Maquieira defende con vehemencia a arquitectura pontevedresa, cos seus edificios de pedra e pequenas prazas. Aínda que o ritmo de vida na cidade difire do que nos atopamos en sitios como Madrid ou Barcelona, os seus habitantes tamén buscan a inmediatez. Por iso, na súa figura encárnase un novo estilo de vida da mocidade pontevedresa, máis dinámico e globalizado, pero cunha preocupación por conservar o estilo que diferencia a súa cidade.
Como ela, van aparecendo novas influencers en Pontevedra. Algunhas exceden os 80 mil seguidores, unha cifra moi próxima á poboación total da cidade. Vémolas pousando diante das palmeiras da Alameda, o paseo do río Gafos, ou camiñando por Combarro vestidas á última moda. Os seus seguidores distribúense por toda a xeografía nacional e mesmo internacional, e aspiran a alcanzar o seu mesmo estilo de vida, sendo un exemplo de que o provincianismo non é un empedimento para crear tendencia