A "bisa" cumpre 100 anos

Pontevedra
19 de outubro 2019

Un nova centenaria súmase ao selecto club do que tan orgullosa está a cidade de Pontevedra. Trátase de Carmen Filgueira Villaverde, unha veciña do lugar de Lusquiños, na parroquia de Tomeza, onde naceu o 7 de outubro de 1919

Carmen Filgueira Villaverde fixo 100 anos
Carmen Filgueira Villaverde fixo 100 anos / PontevedraViva

Un nova centenaria súmase ao selecto club do que tan orgullosa está a cidade de Pontevedra. Trátase de Carmen Filgueira Villaverde, unha veciña do lugar de Lusquiños, na parroquia de Tomeza, onde naceu o 7 de outubro de 1919.

Segundo revelou, o secreto para chegar a ser tan lonxeva é que ela sempre foi unha muller moi traballadora á que lle gusta "a paz".

A súa vida non foi fácil, pois quedou orfa de pai aos 11 anos. Nunca puido ir á escola porque tivo que axudar á súa nai para coidar aos seus nove irmáns. Ela é a maior.

Traballou no campo e tivo seis fillos do matrimonio con Joaquín García Pazos de quen enviuvou hai agora 17 anos.

A súa familia asegura que Carmen é "moi boa persoa" e que "lle encanta estar rodeada dos seus", por iso se lle ve tan feliz na festa de aniversario que lle organizaron á "bisavoa" esta semana.