Como cada ano, o mes de maio comezará en Pontevedra coa tradicional Festa dos Maios. Será o próximo luns 1 de maio, ás 11:00 horas, na Praza da Ferrería.
A festa comezará coa benvida ao maio que, nesta ocasión, estará a cargo da poeta galega Miriam Ferradáns.
Os colectivos que queiran presentarse aínda están a tempo de facelo a través do rexistro da sede electrónica municipal sede.pontevedra.gal. O prazo remata este xoves 27 de abril.
A Festa dos Maios, tal e como recollen as súas bases, ten como propósito "preservar o patrimonio cultural e fomentar o interese polas actividades culturais e festivas tradicionais".
Logo de presentar os maios e interpretar as cantigas, o xurado retirarase para decidir a entrega dos premios. Só polo feito de participar, cada colectivo recibirá 150 euros.
Ademais, entregaranse galardóns ao maio tradicional, ás cantigas, á interpretación e á coroa, con 350, 300, 250 e 100 euros aos catro mellores. Haberá tamén un premio especial do xurado, que está valorado noutros 300 euros.