A celebración da tradicional batalla de flores das festas da Peregrina prevista para este mércores 14 obrigará á Policía Local a aplicar restricións no tráfico de vehículos e no estacionamento.
A batalla está prevista a partir das 19.00 horas e entre as 18.30 horas e as 22 horas estarán pechadas ao tráfico as rúas Xosé Malvar, no tramo comprendido entre Valdecorvos e Loureiro Crespo; Benito Corbal, Cobián Roffignac e Padre Amoedo. Aínda que na zona de inicio da cabalgata o tráfico cortarase antes, ao redor das 17 horas, para facilitar a chegada das carrozas.
A prohibición de aparcar será máis duradeira. A partir das 8 horas non se poderá estacional no tramo de Xosé Malvar, que é o punto de partida do desfile. Mentres que en Loureiro Crespo e Benito Corbal, os condutores terán que retirar os seus coches antes das 14 horas. E en Cobián Roffignac e Pai Amoedo, antes das 16 horas.
Co obxectivo de facilitar a mobilidade na cidade, a Policía Local ofrece itinerarios alternativos. Aos que cheguen da Avenida de Lugo cara ao centro, recoméndanlles coller Juan Carlos I, San Mauro ou Ernesto Caballero. O tráfico procedente do Puente dos Tirantes que queira ir cara a Xosé Malvar, terán que ir por Valdecorvos. E os que van de Eduardo Pondal a Doce de Novembro, serán reconducidos por Joaquín Costa. Así mesmo, aconsellan utilizar a AP-9 como alternativa ao tráfico de entrada e saída da cidade.
Advirten desde a xefatura da Policía Local que aqueles vehículos que estacionen despois da colocación dos valos de advertencia serán retirados polo guindastre municipal cunha multa de 315 euros.