A Barca será unha ponte a media luz

Pontevedra
19 de xaneiro 2018

Operarios do Concello de Poio comezaron este xoves a cambiar as lámpadas dun lado da infraestrutura despois de que a veciñanza denunciara inseguridade ante a falta de iluminación. O Concello de Pontevedra négase a repoñer a iluminaria ao entender que lle corresponde á Xunta

Cambio de iluminación na marxe esquerda da Ponte da Barca
Cambio de iluminación na marxe esquerda da Ponte da Barca / Mónica Patxot

Operarios do Concello de Poio comezaban este xoves a reparar a instalación eléctrica e cambiar as lámpadas que iluminan un dos laterais da ponte da Barca, o que é responsabilidade do goberno local de Poio. O investimento que asume este municipio ascende a 3.000 euros e desde o goberno de Luciano Sobral agárdase que a partir da vindeira semana esta iluminación se atope reposta para garantir o paso de peóns. Durante estas xornadas vai limitarse o paso peonil para que os traballadores da empresa contratada polo Concello de Poio leve a cabo estes traballos.

A falta de luz é unha queixa que veñen manifestando os usuarios da ponte desde hai máis dun ano cando un temporal provocou que se fundisen estes puntos de iluminación da ponte. Os viandantes víanse obrigados a camiñar ás escuras durante a noite coa única iluminación dos focos dos vehículos.

O  Concello de Pontevedra, pola súa banda, mantén a súa negativa para realizar o cambio dos tubos fluorescentes da ponte na marxe dereita que transcorre cara Poio, entre o colexio Doroteas ata o centro comercial A Barca. O goberno de Fernández Lores entende que esta reparación corresponde á Consellería de Infraestruturas e négase a acometer a substitución dos puntos de luz.

O goberno local de Poio esperaba que a Xunta de Galicia iniciase o proxecto de rehabilitación da ponte, tal e como anunciara o vicepresidente autonómico Alfonso Rueda. Pero ao demorarse esta obra, decidiu levar a cabo o cambio das lámpadas. Desta forma, a ponte quedará a media luz a partir da vindeira semana.