A bandeira xitana loce na Casa da Luz para reivindicar dereitos e denunciar os casos de antixitanismo

Pontevedra
03 de abril 2023

Durante esta semana, o balcón da Casa da Luz amosa a bandeira conmemorativa do Día Internacional do Pobo Xitano que se celebra o 8 de abril. A poboación considera que, malia os avances, segue existindo discriminación: "te miran mal si vas al supermercado o a una tienda. Somos normales. Hay personas que son malas, pero eso es en todo el mundo. Pido igualdad", afirma Adelina Augusto, unha muller nai de tres nenos que aprobou a ESO recentemente

Representantes do Concello de Pontevedra con poboación xitana diante da Casa da Luz
Representantes do Concello de Pontevedra con poboación xitana diante da Casa da Luz / Mónica Patxot

 "Mírante mal se vas ao supermercado ou a unha tenda. Somos normais. Hai persoas que son malas, pero iso pasa con todo o mundo. Pido igualdade e respecto a todo o mundo". Son palabras de Adelina Augusto, unha muller de 30 anos, nai de tres nenos de pouca idade, que obtivo o título da ESO recentemente e cuxo único desexo de fronte ao futuro é que os seus fillos "traballen como unha persoa normal e corrente e que non nos miren de lado. Aos poucos espero que vaiamos alcanzando as nosas metas".

Adelina acudía este luns ao despregamento da bandeira xitana na Casa da Luz con motivo da celebración durante esta semana dun programa de actos relacionados co Día Internacional do Pobo Xitano, que se conmemora o sábado 8 de abril.

Na acción deste luns participaron o concelleiro de Benestar Social e de Iguladade, Marcos Rey e os concelleiros socialistas Iván Puentes e Yoya Blanco, acompañados por Rebeca Flórez, mediadora intercultural daFundación do Secretariado Xitanoe un grupo de persoas pertencentes ao colectivo.

"É un pobo que cada vez me agrada máis pola súa cultura. Cada vez está máis integrado", indicaba Rey durante o acto sinalando que desde o seu departamento están en marcha varios programas de formación para fomentar o emprego entre este colectivo. Lembrou que a maior parte da poboación xitana en Pontevedra reside no barrio de Monte Porreiro e destacou a importancia da aprobación, en xuño de 2022, da Lei Integral para a Igualdade de Trato e Non Discriminación, na que se incorpora ao antixitanismo como delito de odio no Código Penal.

Rebeca Flórez tamén incidiu na aprobación desta Lei porque "queremos un lugar na sociedade. Somos cidadáns de primeira. Queremos apostar polos dereitos como calquera ser humano". En todo caso lembrou que continúan existindo prexuízos á hora de alugar ou de ser empregado nunha empresa.

Afirma que nos programas de educación e emprego que promoven se atopan con "pegas" á hora de presentar convenios de prácticas en empresas para que acepten estudantes xitanos. "Pero unha vez que se traballa con eles e as empresas introducen a estas persoas para facer prácticas supéranse moitos esterotipos", afirma a representante da Fundación do Secretariado Xitano.

Mateo Ríos é un estudante que logrou traballar nunha empresa de mensaxería e realizar prácticas nunha cadea de alimentación e nunha gasolineira. "Espero que me chamen para cubrir no verán", indica despois de formarse en varios cursos de emprego. Sara Díaz estuda na Fundación ECCA e combina estudos para acceder a un ciclo formativo e traballo

 "Con esforzo todo o consegues e hai que seguir sempre cara adiante", aseguraba durante o acto no que tamén se atopaba José Manuel Díaz Blanco, coñecido como "Segovia". El, xa un home veterano, afirma que "é un gran día para o pobo xitano" ao comprobar que se están superando as barreiras da discriminación.