A bandeira da Unión Europea xa non ondea en Pontevedra

Pontevedra
15 de marzo 2016

Búscase denunciar así a actitude "inxusta, insolidaria e hipócrita" das autoridades comunitarias con respecto aos refuxiados, enviándoos a Turquía e pechándolles as súas fronteiras dunha forma "absolutamente inhumana e impresentable"

O Concello baixa a bandeira da UE pola súa política sobre os refuxiados / PontevedraViva
O PP rexeita este tipo de actos en Pontevedra pero si apoia decisións semellantes en Madrid /

A bandeira da Unión Europea xa non ondea en Pontevedra. Á unha do mediodía, o alcalde procedeu a baixala do balcón do edificio administrativo da rúa Michelena.

Búscase denunciar así a actitude "inxusta, insolidaria e hipócrita" das autoridades comunitarias con respecto aos refuxiados, enviándoos a Turquía e pechándolles as súas fronteiras dunha forma "absolutamente inhumana e impresentable".

Este acto simbólico foi, segundo destacou Miguel Anxo Fernández Lores, unha "chamada de atención" para que os cidadáns de Pontevedra "sepan que somos críticos" e que condenan este tipo de actitudes.

Para o alcalde pontevedrés, a postura da UE con respecto aos refuxiados é "hipócrita" porque despois de participar en "actividades bélicas" en Oriente Medio, provocando bombardeos "sistemáticos" que fixeron que os cidadáns destes países protagonicen un "éxodo masivo", agora rexeite a chegada de miles de persoas que "escaparon porque temían pola súa vida".

"Non estamos a gusto nesta Unión Europea que fai estas cousas", engadiu Fernández Lores, que reiterou que o Concello de Pontevedra quixo baixar a bandeira porque "non estamos cómodos" co acordo entre a UE e Turquía.

A este acto estaban convidados todos os grupos políticos da corporación municipal, pero tan só Marea Pontevedra apoiou este xesto. O seu portavoz, Luís Rei, lamentou que Europa estea a facer "oídos sordos" ao drama dos refuxiados que "petan na nosa porta para que se lles bote unha man". Por iso, reiterou que "temos dereito a tirarlle das orellas" á UE, á que lle piden que recupere os valores de "solidariedade e xustiza" cos que naceu no seu día.

Ás críticas xa verbalizadas nas últimas horas polo portavoz do PSdeG-PSOE, Agustín Fernández, sumáronse este martes as de María Rey, concelleira de Ciudadanos, que volveu a lamentar que a "casa de todos" sexa utilizada de novo de forma "partidista" e aínda que asegura estar de acordo co fondo do asunto, considera unha "falta de respeto" o que se fixo desde o goberno municipal.

Desde o Partido Popular tamén se manifestou á oposición a este acto porque entende que é unha acción partidista nun edificio público para tratar un tema que non é de competencia municipal, así o manifestaba a concelleira do Partido Popular, Aurora Cañizares. A representante do PP, pola contra, apuntou que si lle parece correcto que a presidenta da Comunidade Autónoma de Madrid, Cristina Cifuentes, colgue un cartel de apoio a Leopoldo López na Porta do Sol. "Son cuestiones distintas", afirmou.

Arquivado en