A axenda de Sanxenxo en Fitur bota a andar con novo material turístico de praias, patrimonio e paisaxes

Sanxenxo
19 de xaneiro 2022

Dous grandes prismas con imaxes do municipio presiden a entrada ao pavillón institucional onde se sitúa a caseta de Sanxenxo

Sanxenxo promociónase en FITUR
Sanxenxo promociónase en FITUR / Concello de Sanxenxo

O alcalde e concelleiro de Turismo, Telmo Martín, encabeza a representación institucional de Sanxenxo en Fitur, acompañado por Romina Fernández, coordinadora de Turismo.

Á cita, que se prolongará ata o vindeiro domingo, desprazáronse, como xa vén sendo habitual en anos anteriores, representantes do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, hostaleiros, e empresarios do sector turístico do municipio.

Nesta edición, Sanxenxo estrea a cita con novo material promocional de praias, patrimonio e paisaxes que xa están ao alcance do visitante na caseta propia do que dispón o municipio no pavillón 9 de Turismo de Galicia.

Un ano máis, Sanxenxo conta tamén cun espazo de excepción á entrada do pavillón con dous grandes prismas de imaxes promocionais do destino turístico baixo o lema “Sanxenxo, 365 días diferentes”.

Ao longo da mañá, autoridades políticas como o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o alcalde de Madrid, José Luis Martínez Almeida; ou a deputada popular, Ana Pastor visitaron a caseta que este ano loce unha nova imaxe da praia de Foxos coa ermida da Lanzada ao fondo.

Coincidindo co Día de Galicia, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou un atractivo programa do Xacobeo 2021-2022 baixo o lema Camiña a Galicia ante empresas e propostas de 107 países diferentes. Ao acto asistiron os representantes institucionais e económicos de Sanxenxo. 

O obxectivo de Sanxenxo é continuar crecendo en tempada baixa e seguir sendo o primeiro destino vacacional do norte de España durante o verán. As cifras turísticas do ano pasado revelan un bo comportamento tanto en visitantes como en pernoitas ao longo de todo o ano.

A pesar da pandemia, Sanxenxo mantivo o seu liderado e en termos numéricos supuxo o 17% das pernoitas de Galicia e o 35% da provincia. 

SORTEO

Hoxe tamén arrancou o sorteo posto en marcha polo Concello e CETS de 10 aloxamentos durante dúas noites nun establecemento en Sanxenxo durante 2022. Desde mañá e ata o vindeiro domingo, todas as persoas que acudan á caseta de Sanxenxo, sáquese unha foto e súbaa ás redes sociais co hashtag #SanxenxoEnFitur mencionando a Turismo de Sanxenxo en Twitter, Instagram e Facebook entrarán no sorteo.

Arquivado en