A Avenida Marqués de Valterra pasará a chamarse Avenida da Praia de Estribela

Pontevedra
23 de maio 2022

O expediente administrativo que se abriu para cambiar o nome a esta praza e o vial da parroquia de Lourizán xa conta con esta proposta de nome que foi validada polo Servizo de Normalización Lingüística e pola Secretaría Municipal

Antiga praia de Estribela
Antiga praia de Estribela / Escuela Naval Militar de Marín

O Concello de Pontevedra segue avanzando na súa folla de roteiro para "desterrar" calquera vestixio do franquismo no rueiro da cidade. Nesa liña, a portavoz do goberno local, Anabel Gulías, anunciou que a Avenida do Marqués de Valterra pasará a chamarse Avenida da Praia de Estribela.

O expediente administrativo que se abriu para cambiar o nome a esta praza e o vial da parroquia de Lourizán xa conta con esta proposta de nome que foi validada polo Servizo de Normalización Lingüística e pola secretaría municipal. 

Un pleno celebrado o 30 de decembro de 1952 acordou outorgar o nome desa avenida ao entón alto cargo do réxime franquista, Pascual Díez de Rivera e Casares, Marqués de Valterra, responsable da política social e pesqueira da ditadura pola recuperación da escola comedor de fillos de pescadores. 

O novo nome que levará a praza e a avenida lembra á pequena praia que existía nesta zona antes de que levasen a cabo os recheos que modificaron para sempre a liña do litoral de Pontevedra enterrando o areal que alí había. Durante os procesos de compilación de toponimia que se realizaron nos anos 2012-2013 a memoria viva das xentes do lugar lembraba esa praia.

"En memoria do que iso foi e do que nos arrebataron queremos propoñer o nome de Avenida da Praia de Estribela como nome que este Concello quere recuperar para ese lugar desterrando as pantasmas do franquismo e devolvéndolle a dignidade a nosa terra", dixo Anabel Gulías.

Segundo explicou a portavoz do goberno local esa proposta levará a unha próxima comisión de Cultura coa intención de poder incluíla na orde do día do pleno municipal do mes de xuño.

O goberno local tamén pretende retirar títulos honoríficos aos militares franquistas Salvador Moreno, Fermín Gutiérrez Soto e Ángel Ramírez de Cartagena y Marcaida, e ao ex ministro durante a ditadura Gonzalo Fernández de la Mora y Mon. "Probablemente antes de que acabe ou ano podamos ter rematado ese expediente administrativo", apuntou Anabel Gulías.

COLONIAS E BARRIADAS

A comisión de Cultura tamén aprobou, por unanimidade, un expediente para corrixir a denominación de varias rúas do municipio atendendo ás indicacións do departamento de Normalización Lingüística. Neste caso, cámbiase a denominación de "colonia" e de "barriada", o primeiro termo "por ter unha compoñente despectiva" e o segundo por ser un topónimo en español que non é aceptado en lingua galega.

Así, pasan a denominarse rúas, é o caso de Rúa de Mollavao, Rúa Pina, Rúa de Ángela Rocafort, Rúa de Salgueiriños, Rúa de Fonte Santa e Rúa do Barrio da Seca.