A avenida María Victoria Moreno, un "faro de luz" para que Pontevedra a recorde "para sempre"

Pontevedra vive hoxe un "día de festa". Así o destacou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. Non é para menos. Desde hoxe, a Boa Vila lembra "permanentemente" a unha das súas veciñas máis ilustres, a mestra e escritora María Victoria Moreno. O seu nome figura xa no rueiro da cidade, substituíndo ao ministro franquista José Antonio Fernández Ladreda

Inauguración da Avenida María Victoria Moreno / Miguel Álvarez

Pontevedra vive hoxe un "día de festa". Así o destacou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. Non é para menos. Desde hoxe, a Boa Vila lembra "permanentemente" a unha das súas veciñas máis ilustres, a mestra e escritora María Victoria Moreno. O seu nome figura xa no rueiro da cidade, substituíndo ao ministro franquista José Antonio Fernández Ladreda.

"Damos un paso xigante para mudar o mapa da cidade", destacou Fernández Lores no acto de inauguración do novo nome desta rúa, unha das arterias principais do barrio de Campolongo, onde residiu a autora á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas e que deixou unha "profunda pegada" en Pontevedra. 

Con esta homenaxe, segundo o alcalde, "poñemos luz onde había sombras, pintamos de violeta o que antes era gris, trocamos as armas polas letras, a carraxe polo sorriso e a violencia polo amor". O recordo de María Victoria Moreno, engadiu, permanecerá en Pontevedra "para sempre", iluminando aos seus cidadáns "como un faro de luz e de sensibilidade".

A autora de orixe estremeña, sinalou Lores, viviu en Pontevedra "con intensidade e paixón" unha historia de amor "polas persoas que tiña preto", polo maxisterio "nas aulas e na vida", pola literatura "e a maxia da palabra escrita" ou pola xustiza, loitando por unha sociedade "que non deixe non camiño a ninguén".

"Pontevedra engalánase cun nome cheo de sensibilidade, compromiso, intelixencia, talento e xenerosidade", dixo para pechar a súa intervención no acto.

A especial relación que María Victoria Moreno mantivo con Pontevedra foi destacada no seu discurso por Begoña Llácer, a súa filla, que en nome da familia deu as grazas á corporación municipal por esta homenaxe e sinalou que están "moi orgullosos" de que esta rúa do barrio de Campolongo leve o seu nome a partir de agora.

"Para miña nai Pontevedra era moi importante ", explicou, porque nela "atopou o seu fogar" e a xente que coñeceu durante a súa vida na Boa Vila converteuse "na súa familia".

Ademais, a filla de María Victoria Moreno engadiu que a súa nai estaba " moi orgullosa" de como ía avanzando "día a día" a humanización da cidade e asegurou que, hoxe en día, estaría "encantada" de ver como as rúas de Pontevedra convertéronse "en gratos lugares de lerias, de paseos e de encontros, de lecer e de convivencia". 

Ao acto de inauguración da rúa acudiron, entre outros, profesores e alumnos do IES Torrente Ballester, o último centro no que impartiu clase María Victoria Moreno, o presidente da Real Academia da Lingua, Víctor Freixanes, a escritora e académica Fina Casalderrey e numerosos representantes da vida social e cultural de Pontevedra.