A gran final das Series Mundiais de tríatlon provocará cortes de tráfico e restricións nos aparcamentos desde este mesmo luns.
Así, desde as nove da mañá estará pechada ao tráfico a Avenida de Bos Aires, entre a Ponte dos Tirantes e a Ponte das Palabras. Non se poderá circular por esta zona ata o martes 26 de setembro, tras recoller toda loxística que permitirá celebrar esta proba deportiva.
Con respecto ao estacionamento, xa está restrinxido desde as 23:00 horas do domingo en Fernando Olmedo ata a intersección con Antón Vilar Ponte, no estacionamento disuasorio de José Malvar e na Avenida de Bos Aires ata o cruzamento con Dolores Trabado.
A partir das once da noite deste luns tampouco se poderá aparcar en Alexandre Bóveda e, desde o mércores, en Ernestina Otero ata a Rúa da Roxa e no estacionamento de borde de Bos Aires.
O dispositivo elaborado pola Policía Local impedirá circular desde o venres 22, ás tres da tarde, na Rúa Alexandre Bóveda; ou o acceso á chaira do Pazo da Cultura.
A complexidade do dispositivo de mobilidade obriga a facer unha restrición do estacionamento escalonada.
Todas estas zonas terán un amplo valado con indicacións de prohibido estacionar e unha lenda que advertirá a partir de que hora non se pode estacionar, polo que, os usuarios deberán prestar atención (en caso de dúbida consultar coa Policía Local no 092).
Os vehículos que estacionen con posterioridade ao sinalado nos valados serán denunciados e o coche será trasladado ao parque municipal do guindastre.
A Policía Local de Pontevedra seguirá, ao longo da semana, mantendo un servizo de información telefónico para atender as dúbidas de calquera cidadán, os teléfonos son 986 833 080 e 092.