A autorización de Costas para o 'baipás' de Mollavao reactiva a reforma de Rosalía de Castro

Pontevedra
13 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O goberno municipal non perdeu nin un segundo en comezar a traballar para que o 'baipás' de Mollavao sexa unha realidade o antes posible. Tras recibir a autorización de Costas, o Concello reactivou a tramitación desta actuación. A intención é que as obras xa comecen este ano e as de Rosalía de Castro, en 2025

Rúa Rosalía de Castro, en Mollavao
Rúa Rosalía de Castro, en Mollavao / Mónica Patxot

O goberno municipal non perdeu nin un segundo en comezar a traballar para que o 'baipás' de Mollavao sexa unha realidade o antes posible. Tras recibir a autorización de Costas, o Concello reactivou a tramitación desta actuación. A intención é que as obras xa comecen este ano.

Os técnicos municipais terán que actualizar os prezos deste proxecto, presupostado no seu día en 938.824 euros, unha cantidade que se queda curta pola inflación e o custo dos materiais.

Ademais, segundo explicou o edil de Infraestruturas, César Mosquera, hai que consensuar os trámites coa Deputación, a administración que financiará este novo vial a través dun convenio asinado co Concello, que será quen licite e execute a obra.

A concesión dos 2.420 metros cadrados de dominio público marítimo terrestre foi outorgada por quinte anos cunha prórroga de outros quince anos máis. Está condicionada a que o Concello presente un proxecto de revexetación do resto da parcela.

Mosquera explicou que o Concello tratará de negociar para que este espazo non perda a súa condición de estacionamento de bordo.

Haberá tamén que regularizar a avenida de Marín, xa que foi un vial feito por Fomento nos anos 50 e cedido ao Concello, pero nunca foi rexistrado en Costas, a pesar de que está en espazo de dominio público marítimo terrestre.

A construción deste 'baipás' en Mollavao permitirá retomar ademais a reforma prevista no primeiro tramo da rúa Rosalía de Castro, entre a rotonda de Manuel del Palacio e o acceso a este novo vial, que pasará a ter un carácter de travesía urbana.

Así, o goberno municipal xa ordenou tamén aos servizos técnicos municipais que reactiven a tramitación destes traballos de humanización, que o Concello quere iniciar en 2025.

Toda a rúa terá un tratamento "con porte" e as beirarrúas serán de formigón cun lixeiro varrido, semellante á estética de Arcebispo Malvar ou a conexión da Ponte do Burgo coa Avenida da Coruña.

Haberá un único carril de circulación, que terá sentido de saída da cidade, lombos en todos os pasos de peóns e as prazas de aparcamento estarán situadas no lado dereito da rúa. Ademais, renovarase por completo toda a iluminación e o mobiliario urbano.

O proxecto inclúe dúas áreas de nova creación pensadas para "cortar a lonxitude" da rúa e crear espazos de estancia. Unha delas será diante do colexio Salvador Moreno, onde se habilitará unha pequena praza, con bancos e zonas verdes.

Máis visual será a praza que o goberno municipal prevé crear no entroncamento de Rosalía de Castro coas rúas Benito Viceto e Licenciado Molina. Alí interromperase o carril de circulación e todo o pavimento será de granito, como o centro histórico. Será unha zona verde.

Pero esta reforma urbana non se limitará a Rosalía de Castro. Dentro desta actuación tamén se reforma a contorna da Casa do Mar. Haberá unha reordenación da rúa Simón Bolivar, onde se renovarán as beirarrúas e os aparcamentos e delimitarase o carril de circulación.