O consello de administración da Autoridade Portuaria expresou a súa "preocupación" pola actual situación de "incerteza" na que se atopa a fábrica de Ence en Pontevedra, ante os procesos xudiciais abertos sobre a prórroga da súa concesión.
A pedimento dos conselleiros representantes das organizacións empresariais e da Cámara de Comercio, o órgano directivo do Porto de Marín advertiu do "prexuízo" que causaría o cesamento da súa actividade polo que representa en postos de traballo no tecido económico e social de Pontevedra e Galicia, así como na actividade portuaria.
Por iso, o consello aprobou un comunicado co que quere "exhortar" a todos os actores implicados a que, dentro do respecto á legalidade aplicable, "aúnen os máximos esforzos para garantir o mantemento da actividade desta factoría".
Noutros asuntos, a reunión celebrada este xoves autorizou a modificación da concesión administrativa da que é titular Davila Reefer Terminal S.L, outorgando unha prórroga do prazo concesional por un período de oito anos.
A prórroga outórgase polos investimentos que realizou a empresa nas súas instalacións, para incrementar a capacidade de almacenaxe e a axilidade de manipulación así como en materia de eficiencia enerxética e de calidade ambiental.
O consello considera que a loxística e almacenaxe da froita que realiza DART é un tráfico "estratéxico e relevante" para o porto e que esta concesión forma parte dunha importante cadea intermodal que converte ao Porto de Marín nun referente no noroeste para os operadores desta mercadoría.
Por outra banda, o consello aprobou a execución dunha instalación solicitada pola empresa Galigrain, que lle permitirá a carga directa de mercadoría a ferrocarril, o que redunda en mellores rendementos e minimiza o impacto ambiental da operativa asociada ao tráfico de graneis agroalimentarios, outro grupo de mercadorías estratéxicas para o porto.