A aula da natureza de Udra, a tope de actividades durante o mes de agosto

Bueu
02 de agosto 2024

O Concello propón un calendario de iniciativas ambientais tras a satisfactoria acollida da primeira edición o ano pasado

Actividad en el Aula da Natureza de Udra
Actividad en el Aula da Natureza de Udra /

A satisfactoria resposta que o pasado verán tiveron as actividades ambientais desde a Aula de Natureza de Udra leva ao Concello de Bueu a deseñar un calendario de propostas durante o mes de agosto, e que xa comezaron a finais do pasado xullo. Trátase de propostas nas que poden participar persoas de todas as idades.

Para o venres 9 de agosto organizouse unha noite de morcegos en colaboración con Morcegos de Galicia que comezará ás 21.30 horas. O domingo 11, ás 11.00 horas, arrancará un paseo familiar pola contorna de Udra para achegarse ás especies da fauna terrestre máis características desta zona, incluíndo unha introdución á técnica de seguimento de rastros e sinais de animais.

O sábado 17 de agosto, ao mediodía, comezará 'Animais e rastros', unha iniciativa para os máis pequenos coa que poderán coñecer aos animais que viven neste espazo natural, como a londra, o teixugo, os corvos mariños, o raposo, o xabaril, o coello etc.., e aprenderán a facer pegadas destes animais con arxila. Pola noite, ás 22.00 horas, proponse unha noite de estrelas en Cabo Udra, cunha iniciación á astronomía e a observación de constelacións e do ceo nocturno.

O venres 23 de agosto, a partir das 21.15 horas ofrecerase outro paseo nocturno para coñecer máis especies que viven nesta contorna e pódense atopar durante as noites, tales como as noitaregas, curuxas, bufos... O sábado 24 ás 12.00 horas hai prevista unha charla sobre aves mariñas e litorais, que tamén terá parte práctica; e un taller para elaborar un móbil colgante dun alcatraz. E completando a fin de semana, o domingo 25 de agosto, paseo familiar para realizar unha exploración deste medio intermareal.

Xa o sábado 31 farase un roteiro ambiental para coñecer a flora exótica invasora máis frecuente na costa galega e os problemas ambientais que xeran sobre os ecosistemas

Aínda que todas as actividades son gratuítas, si é necesario realizar unha inscrición previa a través da páxina web da Asociación Alados, cuxos técnicos realizan estas actividades.