Durante os meses de xullo e agosto, a Aula Cemit de Cuntis, situada no número 65 da Circunvalación Don Aurelio, ofrecerá un gran número de iniciativas, que sumarán en total máis de 100 horas formativas de carácter gratuíto. Nesta época do ano ponse o foco especialmente na mocidade, así como nas persoas maiores.
Ademais de manter sesións e cursos que xa son habituais ao longo de todo o ano, esta programación de verán tamén introduce novidades. Unha das principais comezará, o vindeiro luns 1 de xullo, trátase das sesións ‘Finanzas para todos’, que se desenvolven en colaboración co Banco de España, co obxectivo de dotar á cidadanía dos coñecementos básicos e das ferramentas necesarias para manexar as súas finanzas de forma responsable e útil, neutral e libre de calquera interese comercial.
Este ciclo pon o foco especialmente nas persoas maiores, que en moitas ocasións son as que máis dificultades teñen á hora de manexar a banca electrónica ou que máis protección necesitan contra ciberestafas. Este curso prolongarase tamén os luns 8 e 15 de xullo, de 10.00 a 12.30 horas.
Tamén está pensado para a terceira idade o ciclo de iniciación á informática, os martes e xoves de xullo, para achegar consellos prácticos sobre utilización do ordenador, Internet ou programas básicos.
Ademais, os luns, mércores e venres, entre as 10.30 horas e as 12.30, haberá sesións sobre o uso de ‘smarthpones’. Estas clases tamén serán en agosto, ás que hai que sumar o servizo de atención tecnolóxica, luns mércores e venres en xullo e de luns a xoves en agosto.
Con respecto á mocidade, xa desde o día 1 de xullo, os luns e mércores ofreceranse clases de impresión 3D, de 13.30 a 14.30 horas, a nenos de idades comprendidas entre os 8 e os 14 anos. En agosto, será de luns a xoves e o alumnado dividirase en dous grupos. Outra actividade para cativos nos dous meses de verán será o curso de mecanografía, que en agosto tamén contará con dous grupos diferentes.
Por outra banda, os días 22 e 24 de xullo, volverá ‘Girl Steam’, un obradoiro que xa se celebrou con éxito en anos anteriores e que está dirixido a mozos de entre 8 e 15 anos, divididos en dous grupos distintos. Esta iniciativa busca fomentar o uso creativo, práctico e crítico da tecnoloxía, fomentando o talento e os valores. O día 22 dirixirase ao grupo de 8 a 11 anos e o 24, para os de 12 a 15. Requírese de inscrición previa.
A programación de verán completarase cos diferentes exames presenciais de teleformación de Espazo Multimedia de Aprendizaxe (EMA).
Para consultar a oferta de cursos, solicitar o uso das dependencias ou tramitar calquera outra dúbida, a veciñanza pódese poñer en contacto co responsable deste servizo chamando ao 683147165 ou ben enviar un correo electrónico á dirección [email protected].
PECHE DA BIBLIOTECA MUNICIPAL
O grupo municipal do PP de Cuntis vén de denunciar o peche da Biblioteca Municipal coincidindo coa fase final do curso lectivo e cunha época na que tamén hai xente de vacacións que dispón de tempo de lecer para empregar este servizo público.
O PP lamentou a "falla de previsión do goberno socialista, tanto por non artellar ningunha alternativa para que puidese manterse aberta durante estes días como porque a día de hoxe permaneza clausurada malia que a súa reapertura se anunciou para o luns 24".