A Aula CEMIT de Cuntis inicia a programación de setembro con varias novidades

Umia
29 de agosto 2024

Obradoiros de formación tecnolóxica e clases de cración de espazos virtuais, entre as propostas pensadas para nenos de idades comprendidas entre os 11 e os 18 anos

Curso na Aula CeMIT de Cuntis
Curso na Aula CeMIT de Cuntis / Concello de Cuntis

A Aula CeMiT de Cuntis, situada na Rúa Circunvalación don Aurelio, contará durante o mes de setembro cunha programación con moitas novidades. Ademais de manter algunhas das súas iniciativas máis habituais e demandadas, tamén se incorporan outras propostas tanto para as persoas adultas como para a mocidade. 

Dentro deste último grupo inclúense os obradoiros de formación tecnolóxica ‘maker’, destinados a rapaces de idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos.  A través deste ciclo achegaranse nocións sobre deseño e impresión en 3D, facilitando conceptos sobre electrónica, robótica e programación, adaptados á idade dos participantes. 

Outra actividade que ten que ver coas novas tecnoloxías e que se desenvolverá por primeira vez na Aula Cemit de Cuntis será o curso de creación de espazos virtuais, destinado a cativos de idades comprendidas entre os 11 e os 14 anos. 

Xa pensando en persoas adultas e maiores, a Aula Cemit tamén retoma unha nova edición de ‘Practicando co Smartphone’, coa intención de resolver dúbidas vencelladas á utilización das aplicacións máis comúns dos teléfonos móviles, explicando a súa configuración e xestión e achegando trucos para o seu uso. 

O luns 9 de setembro, tamén se estrea outra proposta sobre recursos para combater a soidade non desexada. Con esta iniciativa daranse a coñecer propostas que lanzan e organizan diferentes entidades e institucións públicas, pensadas sobre todo para a terceira idade, para fomentar o compañeirismo e evitar que a xente se quede soa. 

O aspecto lúdico da programación destes primeiros meses de outono tamén se ve reflectida na sesión do 16 de setembro de Rutas Galegas, que, nesta ocasión, servirá para realizar un percorrido virtual por algúns dos lugares máis emblemáticos da provincia da Coruña, como é o caso de Padrón, o Castro Baroña, a Costa da Morte ou Santiago de Compostela. Ese mesmo día,  tamén haberá unha clase sobre como aprender a xestionar a banca electrónica.

Previamente, o mércores 11 de setembro, a Aula Cemit acollerá unha sesión de uso da aplicación Axenda Cultura, unha ferramenta moi útil para estar ao día de eventos, festas, exposicións, feiras ou citas gastronómicas e culturais que se desenvolven ao longo de todo o ano nas catro provincias de Galicia.

O día 17, darase unha charla aberta á cidadanía sobre o control parental, incidindo en cuestións que axuden a consolidar dinámicas positivas na utilización das novas tecnoloxías, evitando riscos para os  menores. O día 23, pola súa banda, as instalacións da aula cuntiense acollerán un curso sobre o uso de reloxes intelixentes. E o día 25, habrá unha sesión de meditación para mellorar a saúde e o benestar e con técnicas para reducir o estrés e a ansiedade. A última actividade de setembro será o día 30, e será sobre a xestión da Administración pública ‘on line’. Esta é outra das propostas habituais, que serve para familiarizarse sobre a realización de trámites telemáticos, como a adquisición do certificado dixital ou do DNI electrónico.

O Concello lembra que para consultar a oferta de cursos, solicitar o uso das dependencias ou tramitar calquera outra dúbida, a veciñanza pódese poñer en contacto co responsable deste servizo chamando ao 683147165 ou ben enviar un correo electrónico á dirección [email protected].