A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra suspendeu o xuízo programado para este xoves 10 de febreiro contra un home para o que a Fiscalía pide unha condena de cinco anos de cárcere por abusar sexualmente dunha muller mentres durmía.
O motivo da suspensión é o intento de chegar a un acordo de conformidade co acusado. A partir de agora, o procesado e a Fiscalía abrirán negociacións, pero, de momento, aínda non hai data sinalada para a nova vista.
Segundo o escrito de acusación presentado pola Fiscalía, o home estivo no domicilio da vítima na madrugada do 11 ao 12 de agosto de 2020. Despois de estar ambos vendo a televisión, a muller quedou durmida tapada por unha saba vestindo un vestido curto, un short e bragas.
De acordo co relato do Ministerio Público, ao espertarse, a vítima comprobou que o home tiña a man metida na súa roupa interior e introducíralle os dedos na vaxina. Despois de pedirlle que se apartarse, ela tivo que levantarse para que parase. Deseguido a muller díxolle ao acusado que se fose, polo que el marchou do seu domicilio.
Por todos estes feitos, a Fiscalía solicita ao tribunal tanto cinco anos de prisión para o home como unha indemnización de 6.000 euros e a prohibición de comunicarse por calquera medio ou achegarse a menos de cen metros da vítima por sete anos. Así mesmo, require tres anos máis de liberdade vixiada nos que non poderá achegarse nin comunicarse con ela.