A Audiencia revisa os recursos que piden ampliar a investigación do crime de Ponte Caldelas

Pontevedra
14 de novembro 2017

A Sección Cuarta acolleu este martes unha vista oral para revisar os recursos presentados pola defensa do único acusado e a familia do falecido, que piden que tamén se investigue á esposa da vítima, Sandra M.A, como colaboradora necesaria para que Marcos Vidal cometese o crime

Paso a disposición xudicial do autor confeso do crime de Ponte Caldelas
Paso a disposición xudicial do autor confeso do crime de Ponte Caldelas / Cristina Saiz

A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra acolleu este martes unha vista oral crucial para determinar o camiño que seguirá a investigación do coñecido como crime de Ponte Caldelas, no que Marcos Vidal González confesou matar o marido da súa ex noiva, Manuel Rivas Muíños

A vista serviu para revisar os recursos presentados pola defensa do único acusado e a familia do falecido, que piden que tamén se investigue á esposa da vítima, Sandra M.A, como colaboradora necesaria para que Marcos Vidal cometese o crime.

As partes xa realizaron esta petición en varias ocasións, pero a xuíza do Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra negoulle a petición, de modo que presentaron escritos de apelación ante a Audiencia Provincial. Este martes, segundo transcendeu, ratificáronse neses recursos e argumentáronos mentres que a Fiscalía da Audiencia Provincial expuxo a súa postura. 

A vista de apelación celebrouse a porta pechada, de modo que non transcenderon detalles, pero si que o fiscal do caso, Jesús Calles, opúxose a eses recursos presentados polas partes. Agora, a Sección Cuarta da Audiencia deberá decidir se responde as súas peticións e abre a investigación tamén cara a Sandra M.A. ou se, pola contra, considera que a instrución debe seguir o seu curso con Marcos Vidal como único procesado. 

A decisión da Audiencia será clave para na instrución desta causa, que se abriu hai case dous anos, o 28 de novembro de 2015, e que, segundo fontes xudiciais consultadas, podería estar próxima ao peche. En función do resultado destes recursos, continuará ou podería arquivarse xa de forma inmediata.  

O avogado da familia da vítima, Andrés Malvar, argumenta no seu recurso que "se debe proceder, ante a omisión da xulgadora, á investigación de Sandra M.A." e critica que a xuíza "non tivo a delicadeza nin de contradicir minimamente" as alegacións que presentaron no recurso de reforma. 

A xuíza -e tamén o fiscal do caso- concluíron en peticións previas que "polo momento non existen motivos que xustifiquen a imputación" que solicitan a acusación e a defensa baseándose, entre outras probas, no testemuño do acusado, as presuntas mentiras da muller e os rexistros de chamadas e mensaxes de ambos. Ambas as partes sosteñen que a relación que ela asegura que se acabou dous anos atrás cando ela retomou o matrimonio co falecido seguía no momento do crime e Sandra colaborou no mesmo. 

Poden consultarse os motivos do recurso aquí