A Audiencia Nacional rexeita o intento de Ence de achegar novas probas na causa xudicial

Pontevedra
21 de xullo 2020

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) deu a coñecer que a Audiencia Nacional non aceptou a trámite un escrito presentado pola empresa o pasado día 4 de xuño no que poñían en coñecemento do tribunal dous feitos que, segundo Ence, eran de "singular transcendencia" para a resolución do procedemento

Fábrica de ENCE en Lourizán
Fábrica de ENCE en Lourizán / Mónica Patxot

 A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) deu a coñecer que a Audiencia Nacional acaba de rexeitar un intento da empresa Ence e os seus comités de empresa de achegar novas probas ao procedemento xudicial aberto en relación coa concesión da prórroga para permanecer en Lourizán.

Así, a Sala Primeira da Audiencia Nacional non aceptou a trámite un escrito presentado pola empresa o pasado día 4 de xuño no que poñían en coñecemento do tribunal dous feitos que, segundo Ence, eran de "singular transcendencia" para a resolución do procedemento. 

Un deses feitos é a inminente aprobación polo goberno do Estado do Proxecto de Lei de cambio climático e transición enerxética, pois sostén que a Administración do Estado, ao elaborar este novo Proxecto de Lei, perseguía, única e exclusivamente, fixar na lexislación un novo criterio á hora de interpretar os prazos das concesións e as prórrogas para xustificar (ou amparar legalmente) a decisión de achantarse fronte ao recurso da APDR.

A APDR sostén que a decisión da Abogacía do Estado de deixar o procedemento se basea nun "minucioso e documentado" informe que defende que existe un límite máximo de 75 anos de duración -incluídas as prórrogas- para as concesións en dominio público marítimo terrestre.

O segundo feito relevante que a empresa puxo en coñecemento da Audiencia Nacional é, segundo a APDR, a consideración como "actividade esencia" durante a pandemia da Covid-19 da industria da celulosa

Son dous argumentos que, segundo a empresa, gardarían estreita relación cos motivos de impugnación esgrimidos pola APDR e pola Avogacía do Estado para cuestionar a legalidade da prórroga concedida polo Goberno en funcións de Mariano Rajoy e que na APDR consideran "absolutamente intranscendentes".

A resolución da Audiencia Nacional desestima o escrito de ENCE ao considerar que non se trata de feitos novos "de relevancia para a decisión do preito" e, segundo a APDR, "vén reforzar a nosa posición ao respecto".

Arquivado en