A Audiencia Nacional resolverá o martes 22 de xuño o futuro de Ence na ría de Pontevedra

Pontevedra
12 de xuño 2021

Os avogados do comité de empresa da fábrica de Lourizán comunicaron que nesa xornada vai desenvolverse a votación no alto tribunal e nas seguintes 48 horas será comunicada a resolución sobre os recursos presentados polo Concello de Pontevedra e Greenpeace contra a presenza da empresa pasteira na ría pontevedresa ata 2073

Fábrica de Ence en Lourizán
Fábrica de Ence en Lourizán / Mónica Patxot

O comité de empresa de Ence que preside Antonio Lafuente recibiu a comunicación por parte dos seus avogados de que o vindeiro martes 22 de xuño será a data escollida en que a Audiencia Nacional votará e decidirá o futuro da fábrica pasteira nos terreos que actualmente ocupa en Lourizán. 

Esta resolución céntrase sobre os recursos que presentaron tanto o Concello de Pontevedra como o colectivo ecoloxista Greenpeace contra a prórroga que no ano 2016 realizaba o goberno en funcións do Partido Popular, presidido por Mariano Rajoy. Aquela prórroga permitía a continuidade da entidade na ría de Pontevedra ata o ano 2073.

Desde o comité que representa ao persoal da fábrica, a resolución será coñecida no prazo de 48 horas despois de que se desenvolva esa votación, aínda que podería atrasarse, segundo indican os avogados.

No caso de que o alto tribunal acepte as prórrogas, malia que aínda habería un período de alegacións, Ence estaría obrigada a abandonar a ría pontevedresa no ano 2033, data na que finalizaba a concesión antes da prórroga emitida polo goberno de Rajoy. Pola contra, se a Audiencia Nacional rexeita as alegacións presentadas por Greenpeace e o Concello, a fábrica poderá continuar a súa actividade 52 anos máis na súa actual localización.