A Sala Contencioso-Administrativa da Audiencia Nacional ditou sentenza desestimatoria do recurso interposto polo Concello de Pontevedra contra a resolución do 24 de xullo de 2015 do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.
A empresa ENCE deu a coñecer este luns esta resolución xudicial.
Segundo esta resolución, e coa conformidade de Ence, acordouse declarar a caducidade parcial da concesión dos terreos ocupados pola fábrica da compañía en Lourizán no que se refire aos terreos ocupados pola EDAR de Praceres, do emisario submarino existente xunto á EDAR e do campo de fútbol, e declarábase a subsistencia da concesión sobre todos os demais terreos de Ence-Pontevedra.
A compañía considera que a sentenza da Audiencia Nacional "confirma a solidez da posición xurídica e os seus argumentos da renovación da prórroga da concesión de Ence-Pontevedra".
"Ence Energía y Celulosa confía en que esta sólida posición permita resolver favorablemente para o futuro da a súa biofábrica de Pontevedra os recursos pendentes de resolución polas correspondentes instancias xudiciais", di o comunicado da compañía pasteira.
Ence considera que a sentenza da Audiencia Nacional, "axudará á execución do importante programa de investimentos" que a compañía prevé acometer en Pontevedra, segundo o seu Plan Estratéxico 2019-2023.
Ence quere destacar que nesta nova "etapa estratéxica", a súa actividade en Pontevedra "contribuirá, máis se cabe, ao crecemento económico e ao emprego da comarca, así como ao coidado e a mellora do medioambiente".
A compañía asegura que investirá entre 60 e 110 millóns de euros entre 2019 e 2023 para "reforzar a excelencia ambiental, a fiabilidade e a seguridade" da súa fábrica. Ademais, Ence investirá 30 millóns de euros en "seguir aumentando a eficiencia da súa biofábrica en 2019".
A compañía anuncia que está a "avanzar na execución do proxecto de integración paisaxística" da fábrica de Lourizán, "que contribuirá ao embelecemento e a minimización do impacto visual das súas instalacións".
Ademais, está a acometer o desenvolvemento dun proxecto dunha terceira depuradora que contará coa tecnoloxía máis avanzada para o tratamento do efluente e que permitirá́ reducir o seu consumo de auga ata un 90% sobre os límites actuais. Durante 2018 Ence introduciu melloras técnicas que permitirán un aforro dun 20% no consumo de auga da planta.