A Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra condenou o histórico narcotraficante Florencio Groba, a seis anos de prisión como autor responsable dun delito contra a saúde pública na súa modalidade de tráfico de drogas que causan grave dano á saúde, coa concorrencia da circunstancia agravante de multirreincidencia.
Ademais imponlle unha multa de 30.000 euros, cunha responsabilidade persoal subsidiaria dun día de privación de liberdade por cada 500 euros ou fracción que non pague.
Tamén é condenado á pena de tres anos de prisión polo mesmo delito o seu colega Jorge F.R.. impoñéndolle unha multa de 20.000 euros, cunha responsabilidade persoal subsidiaria dun día de privación de liberdade por cada 500 euros ou fracción que non pague. Neste caso os maxistrados pontevedreses consideran a atenuante de drogadicción.
O tribunal acordou o comiso das substancias, diñeiro, alfaias, o vehículo Peugeot 307, os terminais telefónicos e demais efectos aprehendidos aos acusados.
Esta resolución non é firme e contra ela cabe interpoñer un recurso de casación ante a Sala Segunda do Tribunal Supremo.
Na sentenza recóllense como feitos probados que sobre as quince horas do día 22 de maio de 2015, Florencio e Jorge, circulaban en coche pola estrada PO-531 entre Pontevedra-Vilagarcía de Arousa, á altura do poboado chabolista de O Vao.
Tras darlle o alto a Garda Civil de Tráfico os axentes atopáronlle a Jorge ocultas entre a roupa interior e o pantalón varias bolsas de plástico que contiñan heroína "e que ambos acordaran entregar a terceiras persoas", así como 62,35 gramos de paracetamol e cafeína, "substancias habitualmente empregadas para ser mesturadas coas anteriores".
Segundo o fallo, estas sustancias foron adquiridas por Florencio, "e os dous acusados puxéronse de acordo para transportalas ocultas dentro da roupa de Jorge F. coa intención de destinalas á súa venda a terceiras persoas".
Ademais, Florencio gardaba nunha vivenda da súa propiedade, na parroquia de Guláns, en Ponteareas, unha balanza de precisión e un lote de bolsas plásticas "das utilizadas para elaborar papelinas", e noutra vivenda tamén da súa propiedade, no lugar de Torneiros, en Porriño, varios feixes de billetes que sumaban un total de 7 288,38 euros que estaban ocultos en varios puntos da casa "e que eran produto de vendas anteriores".
Tamén no mesmo domicilio foron intervidos 17 aneis de ouro, 11 pulseiras, 2 cadeas, varios xogos de pendentes e varios colgantes de ouro "que o acusado obtiña mediante a venda das referidas sustancias".