A Audiencia desestima o recurso de Gonzalo Durán contra a súa condena polos insultos a Carmela Silva

Pontevedra
15 de outubro 2021

A resolución da Audiencia Provincial deixa claro que os ataques do alcalde de Vilanova a Carmela Silva son polo feito da súa condición de muller "o que non pode ser amparado polo dereito á liberdade de expresión"

Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova, á chegada aos xulgados da Parda
Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova, á chegada aos xulgados da Parda / Mónica Patxot

O goberno da Deputación de Pontevedra expresou este venres a súa satisfacción ante a sentencia da sección segunda da Audiencia Provincial, notificada hoxe, que desestima o recurso de apelación interposto polo alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, fronte á condena do Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra polas súas manifestacións contra a presidenta provincial Carmela Silva a quen se referiu de "chacha para todo". 

As declaracións machistas do alcalde do PP contra a presidenta da Deputación, provocaron a reacción de numerosas asociacións, partidos políticos e colectivos.

A resolución da Audiencia, que é firme e contra a que non cabe recurso algún, confirma na súa integridade a sentencia do Xulgado de Instrución, do 1 de xuño de 2021, que condenou a Durán como autor responsable dun delito de falta de respecto e consideración debida á autoridade, cunha pena dun mes de multa diaria de 12 euros, coa responsabilidade persoal subsidiaria en caso de impago dun día de privación de liberdade por cada dúas cotas diarias non pagadas, amais do pago das costas do procedemento.

O deputado Carlos Font comunicou hoxe "a satisfacción do goberno da Deputación por esta sentencia que marca un antes e un despois e fixa o camiño de forma clara para aqueles que seguen subidos no carro do machismo máis rancio e da descualificación permanente". 

O deputado esixiu por elo á dirección do PP que aparte a Gonzalo Durán do partido, "non teñen outro remedio, xa non poden aprazar a decisión por máis tempo".

A resolución da Audiencia Provincial de Pontevedra, nos seus fundamentos, é categórica ao afirmar que "las manifestaciones vertidas por el recurrente no versan sobre un hecho de interés público, sino más bien es un juicio de valor (más bien de desvalor) atinente a la condición de mujer de la presidenta de la Diputación de Pontevedra, que afecta al ejercicio de la profesión de una funcionaria pública (STC 174/2006 de 5 de junio) y que lesiona el honor de la perjudicada, la frase consignada en los hechos probados contiene una opinión de su autor, en la que se emplean expresiones, palabras o términos desproporcionados, en cuanto a un significado ofensivo o vejatorio, claramente sexista y machista, en sí mismos considerados y desconectados del ejercicio de libertad de expresión constitucionalmente establecido".