A Audiencia de Pontevedra exime a preferentistas de devolver os intereses en contratos declarados nulos

Pontevedra
15 de setembro 2014

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia asegura que será o criterio a seguir polos xulgados nas demandas sen sentenza

Manifestación de apoio aos afectados polas preferentes
Manifestación de apoio aos afectados polas preferentes /

A Sección Primeira da Audiencia Provincial de Pontevedra, especializada en materia mercantil, ditou unha sentenza na que sostén que a declaración de nulidade do contrato de compra de participacións preferentes e obrigas subordinadas "provoca que o cliente non teña que devolver os intereses dos rendementos percibidos".

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) este será o criterio a seguir polos xulgados nas demandas sen sentenza.

A sentenza da Audiencia pontevedresa, da que é relator o maxistrado Jacinto José Pérez Benítez, sostén que as partes "deben restituírse as prestacións que reciprocamente percibiron".

ÿ dicir, o fallo considera que a obriga de restitución do banco "se identifica coa obriga de devolver o capital investido co interese legal que tal suma percibiu dende que se realizaron as entregas de diñeiro, mentres que a obriga do cliente se concreta aos rendementos aboados a consecuencia dos produtos contratados".

Nun comunicado, o TSXG asegura que "os efectos da sentenza se proxectan como criterio a seguir polos xulgados en relación coas demandas sobre preferentes e subordinadas nas que non recaese sentenza e nas que se presenten no futuro".