A sección segunda da Audiencia de Pontevedra condenou a quince anos de cárcere a Carlos Silla, polo alixo de tres toneladas de cocaína do veleiro Benirrás, que chegou á Ría de Arousa en tres planadoras en marzo do ano 2020, en pleno confinamento pola pandemia da Covid-19.
O tribunal provincial tamén impón a Carlos Silla o pago de dúas multas de 360 millóns de euros cada unha como autor dun delito grave contra a saúde pública.
Na sentenza considérase probado que el estaba á fronte da organización de narcotraficantes. Carlos Silla atópase nunha prisión en Portugal cumprindo outra condena de catorce anos por outro transporte de droga de 5.200 quilos de coca.
Esta vez, a confesión de Antolín Fernández Pajuelo foi un elemento determinante nesta nova sentenza condenatoria. A admisión da súa participación nesta actividade delituosa supuxo para el unha condena de 6 anos e 3 meses de cárcere, ademais de multas. Igualmente, os outros dous acusados que admitiron a súa autoría, César R.R. e José D.R.S., foron condenados a 6 anos e 3 meses para o primeiro e para o segundo 3 anos e 4 meses.
Para o resto de procesados: Jorge H. G.R., José O.T.A., Jesús M. V. e Jesús F.A.E., as penas impostas son de 10 anos e 6 meses de prisión e multas.