As obras do primeiro tramo da autovía A-57, entre Vilaboa e A Ermida (Marcón), seguiron a tramitación "legalmente prevista" e a actuación da administración "en ningún caso" pode considerarse como "arbitraria ou irrazonable". Así o determinou a Audiencia Nacional, que desestima o recurso presentado no seu día por Salvemos A Fracha.
A plataforma presentara un recurso para tratar de paralizar as obras, ao entender entre outras cuestións que a documentación ambiental estaba incompleta, que non se correspondía coa realidade e que, en todo caso, caducara ante os atrasos na tramitación e os cambios que experimentara o proxecto desde que se realizou o estudo.
A Audiencia Nacional, con todo, conclúe que Fomento actuou de forma adecuada, xa que os aspectos "substanciais ou relevantes" da autovía a executar foron sometidos a unha tramitación na que Salvemos A Fracha puido tomar parte, a través das súas alegacións.
A sentenza engade que a administración optou por unha alternativa de trazado que "baixo ningún punto de vista pode considerarse arbitraria ou irrazonable" e que, continúa o fallo, "non puido ser desvirtuada" polo informe técnico de parte achegado pola plataforma veciñal.
Así, os maxistrados da Audiencia Nacional conclúen que o feito de que o interese da plataforma non prevalecese "non supón de ningún xeito" que a administración obrase mal á hora de seleccionar a opción máis recomendable nin que incumprise os trámites establecidos nos diferentes procedementos ambientais.
En criterio da Sala, Fomento tivo conta as alegacións máis importantes e para o proxecto foron valorados os aspectos esenciais da infraestrutura para realizar "en función dun complexo traballo comparando alternativas posibles de acordo cun conxunto de estudos técnicos".
"Non existe simplicidade nin despropósito na elección da alternativa pois foron valoradas as vantaxes e desvantaxes na medida que todas elas afectan o territorio por igual, optándose pola máis adecuada tras exame e valoración dos elementos e circunstancias esenciais", conclúe o fallo xudicial.
A sentenza, en todo caso, pode ser recorrida aínda que deixa escasa marxe para que as obras deste primeiro tramo da A-57, que se iniciaron a principios de 2016, poidan paralizarse.