O Concello de Marín, a través do Centro de Información á Muller, mantén a loita contra a violencia machista a pesar das restricións impostas pola pandemia da covid-19. Desde este organismo municipal, cuxas profesionais constataron un aumento dos problemas para conciliar vida laboral e familiar, notaron un incremento na atención psicolóxica e na necesidade de axudas asistenciais.
"Tamén tivemos que adaptarnos para poder ofrecer ás usuarias do CIM alternativas dixitais coas que se desenvolvesen ben", explica a responsable Marián Sánchez facendo fincapé na necesidade de reducir tamén neste ámbito a fenda dixital.
A memoria anual do 2020 presentada este luns polo organismo recolle que se realizaron 193 asesoramentos xurídicos, 465 consultas da psicóloga, 174 atencións a vítimas de violencia machista, 19 citas para orientación laboral, 6 casos de asesoramento sobre formación ou actividades e 87 consultas para informar acerca de recursos.
Ademais, 22 mulleres fixeron uso do servizo do Punto de Intercambio Familiar e 3, do servizo de Fegataxi.
No que respecta a as actividades, a pandemia obrigou a reducilas pero aínda así puideron levar a cabo varias actuacións artísticas, reivindicativas ou de carácter social.