A Asociación de veciños San Bieito de Lérez manifestou o seu apoio á proposta presentada polo Concello de Pontevedra para a construción da denominada 'Variante de Alba'. Este colectivo presidido polo ex concelleiro Miguel Filgueira Touriño mantivo varios encontros con representantes municipais onde se reclamaba a construción deste vial que permitiría a unión entre as parroquias de Lérez e de Campañó, ademais de conectar coa estrada de Vilagarcía para facilitar o roteiro cara ás praias e cara á comarca do Salnés.
Durante estas reunións, o colectivo veciñal reclamaban que o trazado do novo viario evitase afectar a vivendas, naves industriais ou negocios. Ademais, sinalaban que era innecesaria a construción dunha vía de alta capacidade e que basta unha estrada cunha dirección en cada sentido para resolver o tráfico da zona.
Tamén reclamaban un acceso peonil e ciclista seguro no trazado cun impacto ambiental mínimo, adaptándose á orografía do terreo e evitando grandes noiros, viadutos ou a creación de pontes.
Por último, entre as reclamacións, demandaban que se respectase o actual acceso ás vivendas, leiras e propiedades dos residentes na zona, ademais das fontes e mananciais.
Sinalan que analizaron o proxecto do goberno local cos concelleiros Alberto Oubiña e Xaquín Moreda para chegar á conclusión de que é "moi acertado". En todo caso, a asociación está aberta ao estudo doutras alternativas que se presenten e cumpran coas peticións veciñais.
A AAVV San Bieito de Lérez conclúe un comunicado reclamando a execución da obra evitando que se demore no tempo debido á importancia que ten para a circulación en toda esa zona.