O municipio de Poio é único concello da provincia de Pontevedra en acoller o programa "Kamelamos Chanelar", unha iniciativa impulsada pola Asociación Nacional Presencia Gitana, na que colabora a Administración local e a través da cal se achega apoio pedagóxico aos escolares de idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos que teñan problemas en cuestións como comprensión, socialización, intelección ou aprendizaxe.
Trátase dun ciclo que sirve para reforzar a formación das crianzas con necesidades especiais neste eido, complementando, deste xeito, a que reciben nos centros educativos.
No caso de Poio, que é unha das catro vilas de Galicia nas que se desenvolven estas sesións, as citas teñen lugar os xoves pola tarde na Casa Rosada.
A concelleira responsable de Servizos Sociais, a socialista Rosa Fernández, explica que o Concello colabora cedendo as instalacións, así como poñendo a disposición das persoas responsables do ciclo os materiais que precisen, desde fotocopiadoras, ordenadores, escáneres ou acceso a Internet, pasando por material didáctico para a realización de actividades e xogos.
A edil do Goberno local explica que son unha ducia os rapaces que participan no programa desenvolvo na Casa Rosada e salienta o "gran labor" que leva realizando a Asociación Nacional Presencia Gitana desde o seu nacemento a principios dos anos 70 en materia de integración, formación e asesoramento.
Neste sentido, os organizadores deixan claro que estas clases de reforzo dan prioridade ás familias máis desfavorecidas desde o punto de vista económico e cultural, pero que non son exclusivas para crianzas de etnia xitana. "É unha iniciativa realizada desde unha perspectiva intercultural e tendo en conta a situación social e as necesidades da rapazada", sinala a responsable de Servizos Sociais.
Elevar o nivel de autoestima e confianza dos participantes, establecer unha relación fluída e de colaboración coas persoas responsables das clases e incentivar cuestións como a cohesión familiar son outros dos obxectivos de ‘Kamelamos Chamelar’.
A primeira sesión desenvolveuse este pasado xoves, 11 de marzo, logo de que a principios de mes tivesen lugar unha serie de charlas informativas que os técnicos impartiron aos pais. O ciclo continuará nos vindeiros meses e desenvolverase cumprindo con todas as medidas de aforo, distanciamento e hixiene que marcan as autoridades sanitarias neste contexto derivado da covid-19.
Rosa Fernández agradece á organización do programa que elixira Poio para realizar esta iniciativa na provincia de Pontevedra (tamén se desenvolve en Lugo, Bergondo, Culleredo e Cambre).