A Asociación Empresarial EnPoio doa mil euros ao Fondo de Emerxencia Social

Poio
05 de xaneiro 2021

O Goberno local expresa o seu agradecemento por esta achega, realizada a través das doazóns desinteresadas feitas polos asociados a esta entidade

A Asociación Empresarial EnPoio doa mil euros ao Fondo de Emerxencia Social
A Asociación Empresarial EnPoio doa mil euros ao Fondo de Emerxencia Social / Concello de Poio

A Asociación Empresarial EnPoio fixo entrega ao Concello, este martes, dun cheque, por valor de 1.000 euros, que será destinado ao departamento de Servizos Sociais.

O alcalde de Poio, Luciano Sobral; o concelleiro de Promoción Económica, Gregorio Agís, e a titular de Benestar Social e Mocidade, Rosa Fernández, foron os encargados de recoller o cheque, que foi achegado por varios representantes do colectivo, incluídos o seu presidente, Guillermo Campos, e o tesoureiro, Arsenio Pedre.

En concreto, estes cartos serán derivados ao Fondo de Emerxencia Social, a través do cal se lle presta auxilio a máis de 300 familias do municipio que se atopan nunha situación de risco de exclusión social. Esta doazón foi realizada a través das achegas realizadas polos diferentes negocios que forman parte da asociación de comerciantes, tal e como explicaron o seus responsables.

"A nosa intención é poder axudar á persoas do noso concello que máis o precisan, porque a veciñanza é o motor do noso pobo e a unión é o que nos move para poder chegar máis lonxe", indican os directivos de EnPoio, que entenden que este ano máis ca nunca, por mor da crise sanitaria derivada da covid-19, "era necesario realizar este esforzo".

Tanto o alcalde como o resto de representantes do Goberno local presentes no acto expresaron o seu agradecemento por esta achega. Os dirixentes municipais salientan "o compromiso desta asociación, que apenas conta cun ano de vida, á hora de implicarse en iniciativas en favor da cidadanía ou dos colectivos sociais". 

Proba diso son xa as colaboracións realizadas previamente á hora de impulsar todo tipo de eventos.

Actualmente, a Asociación Empresarial EnPoio conta con preto de 30 asociados, entre os que figuran profesionais de diferentes sectores comerciais, incluídos alimentación, fisioterapia, carpintería ou perruquería, entre outros. Este colectivo naceu a raíz da pasada edición do programa Poio Impulsa e aspira a continuar medrando.

Como responsable de Servizos Sociais, Rosa Fernández destacou a importancia deste tipo de doazóns e agradeceu ao tecido empresarial local "a súa sensibilidade para axudar ás persoas máis necesitadas". 

Fernández González estendeu o seu agradecemento "a todas esas persoas que, durante o ano, tamén nos fan doazóns a título persoal" e lembrou a importancia do Fondo de Emerxencia Social, a través do cal o Concello ofrece ás familias en risco de exclusión produtos de primeira necesidade que "resultan indispensables para unha vivenda", sinala a concelleira de Benestar Social, que enumera a compra directa de alimentos, a dotación de cheques de compra para alimentos frescos (carne, peixe ou froita), a compra de medicamentos ou o pago de diferentes recibos (alugamento e electricidade, por exemplo) como actuacións que se poden cubrir a través desta liña.

O investimento realizado neste eido durante o 2020 superou os 70.000 euros, dobrando practicamente a partida de 2019, como consecuencia da covid-19.