O paso de tempo está a dar a razón a AVITURGA, a Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia prevía que Galicia sería un "destino ideal" para gozar das vacacións estivais. Se as reservas nos últimos anos comezaban a recibirse en febreiro ou marzo, neste 2020 xa chegaban desde xaneiro. "A pesar das circunstancias do confinamento, as reservas para o verán mantíñanse en Galicia, mentres que noutros destinos cancelábanse", explica a presidenta da Asociación, Dulcinea Aguín.
Aquí, engade, danse circunstancias como a diversidade do destino ou menor masificación que son "oportunidades para nós". Desde finais de abril fóronse confirmando máis reservas para agosto e setembro e recibindo numerosas consultas para o mes de xullo. Desde a semana pasada, cando o Goberno central animaba á poboación española a facer plans vacacionais, "foi o boom" comenta Abuín.
De onde procederán estes turistas?, fundamentalmente do norte peninsular: Asturias, Cantabria, País Vasco e do centro como Madrid e Castela León. Os condicionantes que conleva a conxuntura pandémica está a favorecer a procura de vivendas turísticas, tanto de costa como de interior e "notamos que si que hai un transvasamento de procuras de vivendas entre clientes que adoitaban optar por outro tipo de aloxamentos". Un equipamento que igualmente máis se demanda para este verán: dispoñer de piscina. E outro dato positivo para o sector: as estancias van ser máis prolongadas.
Pola contra, con menor demanda están "as zonas pegadas ao Camiño de Santiago xa que o perfil era de turista estranxeiro e se non hai apertura de fronteiras, nin medios de comunicación complícase; e tamén é un turismo que planifica con tempo". Estas dificultades para planificar fan que estean a mercé da evolución ou retroceso da pandemia; en todo caso a previsión e mantendo a prudencia é que: "temos a esperanza de salvar a tempada de verán".