A Asociación de Párkinson realiza unha cuestación con motivo do Día Mundial desta enfermidade

Pontevedra
10 de abril 2015

Durante este venres instalaron unha mesa petitoria e informativa na Praza da Peregrina. Este sábado 11, Día Mundial do Párkinson, continuarán coa campaña en Vilagarcía de Arousa

Colecta con motivo do Día Mundial do Párkinson
Colecta con motivo do Día Mundial do Párkinson / Mónica Patxot

A asociación de Párkinson é un grupo de autoaxuda que atende a afectados, familiares e coidadores que están relacionados con esta enfermidade neurolóxica, crónica e dexenerativa que afecta ao sistema nervioso central. Este venres saíron á rúa para realizar unha colecta con motivo da celebración do Día Mundial desta doenza a través dunha mesa petitoria instalada na praza da Peregrina.

Segundo a asociación, existen máis de 2.000 persoas afectadas polo Párkinson na provincia que a través deste colectivo poden realizar actividades para a mellora do fala e a deglutición, para tratar a psicomotricidade ou para traballar as capacidades motoras e cognitivo-mentais, entre outras.

A complexidade que presenta esta enfermidade e o descoñecemento que existe sobre ela obriga a estes colectivos a alertar dos seus principais síntomas como son os trastornos no movemento con lentitude nos movementos ou inestabilidade postural, trastornos na capacidade para falar cos demais e síntomas non motores como a ansiedade ou a depresión.

Non todas as persoas desenvolven os mesmos síntomas e a enfermidade invade todos os aspectos sociais da persoa e da súa familia, provocando en ocasións problemas na calidade de vida.

Xunto á mesa da Asociación pontevedresa, un grupo de integrantes dunha clase de zumba realizaron bailes para chamar a atención e que a xente se achegase ata o punto informativo. A asociación ten sedes naCasa do Mar de Bueu, na Casa Azul de Pontevedra e na Casa Dr. Carús de Vilagarcía.

Este sábado 11 a colecta realizarase en Vilagarcía con motivo do Día Mundial do Párkinson.