A Asociación Boa Vida Inclusión Social Activa creou unha oficina de dereitos sociais en Pontevedra. Trátase dunha proposta para ofrecer información sobre os dereitos básicos como acceso a axudas sociais, dereito á vivenda ou á alimentación. A oficina encontrarase aberta dous xoves ao mes en horario de mañá no número 16 da rúa Cruz Vermella. Alí, os interesados serán atendidos por persoal voluntario, que intentará resolver as dúbidas que se presenten nestes temas.
Ademais, a Asociación vai organizar diferentes actividades coa intención de ofrecer formación aos usuarios. A primeira actividade que organiza desenvólvese este martes 28 na Biblioteca Pública de Pontevedra. Trátase dunha charla-obradoiro organizada conxuntamente con ADICAE, a Asociación de Usuarios de Bancos e Caixas baixo o título de 'Servizos bancarios básicos para perceptores de rendas mínimas'. Durante esta cita vanse explicar distintos aspectos sobre as comisións que cobran os bancos e ensinaranse os modelos máis axeitados para facer as reclamacións.
Segundo sinala este colectivo, unha comisión de mantemento encóntrase ao redor de 40 euros, mentres que unha comisión por números vermellos se sitúa nos 20 euros.