A Asociación Anduxía recrimina as rozas "excesivas" en Cabo Udra

Bueu
26 de marzo 2021

A Asociación Ecoloxista de Bueu Anduxía atopou Cabo Udra unha serie de rozas realizadas pola Comunidade de Montes de Beluso que ,segundo Anduxía, son excesivos. Os danos ecolóxicos veñen dados porque estes desbroces poden provocar a expansión da Acacia negra, especie arbórea altamente invasora presente en Cabo Udra

Rozas realizadas en Cabo Udra
Rozas realizadas en Cabo Udra / Anduxía

A Asociación Ecoloxista de Bueu Anduxía atopou en Cabo Udra unha serie de rozas realizadas pola Comunidade de Montes de Beluso na contorna da Aula de Natureza que, segundo a asociación, son excesivas, tanto pola súa extensión como polas consecuencias ecolóxicas que poidan ter.

Por este motivo, Anduxía púxose en contacto coa Xefatura Provincial do Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra e fíxolle saber que a extensión da limpeza supera o que sería a contorna desta área de uso público descendendo así polas ladeiras do propio Cabo Udra, e baixando ata zonas que entenden que son de protección da matogueira costeira.

Os danos ecolóxicos veñen dados porque estas rozas poden provocar facilmente a expansión da acacia negra, especie arbórea altamente invasora e cada vez mais presente en Cabo Udra, segundo comentan. 

A Comunidade de Montes de Beluso indicou pola súa parte, que se están a seguir os criterios que marca o proxecto de parque forestal e o proxecto de ordenación forestal, ambos aprobados pola Consellería de Medio Ambiente.

Representantes da Asociación Anduxía declararon que teñen coñecemento da existencia dunha serie de restricións impostas pola súa administración para a aprobación deste proxecto de parque forestal, pero que descoñenen cales son e como afectan estas directrices ao desenvolvemento das actuacións que se levan a cabo no ZEC Cabo Udra.

Por este motivo a asociación pediu unha copia destas restricións ou condicionantes ao proxecto do parque forestal de Cabo Udra.