A asociación Alba e seis pontevedreses distinguidos son os novos Amigos de Pontevedra

Pontevedra
27 de xullo 2024

A asociación Alba e os particulares Marta González Curros, Fita Novas, Josefa García García, Rafael Sánchez-Agostiño Rodríguez 'Fis', José Luís Sarandeses Martínez e Manuel Piñón Cordo, recibirán o premio 'Amigos de Pontevedra'

Galardoados cos premios Amigos de Pontevedra 2024
Galardoados cos premios Amigos de Pontevedra 2024

A directiva da asociación Amigos de Pontevedra desvelou este sábado quen serán os pontevedreses galardoados este ano pola súa contribución en favor da cidade. 

Nesta ocasión, entre os distinguidos cos premios 'Amigos de Pontevedra', que serán homenaxeados o venres 9 de agosto, só hai un unha única entidade xurídica.

Trátase da Asociación Alba, que reúne a familiares e amigos de enfermos psíquicos. Desde 1997, este colectivo ten como finalidade favorecer unha vida digna e plena para as persoas con enfermidade mental e as súas familias.

Actualmente presta os servizos de centro de rehabilitación psicosocial, pisos tutelados, atención domiciliaria, respiro familiar, información e asesoramento.

Ademais, seis persoas sumaranse aos recoñecidos cos premios Amigos de Pontevedra.

Dúas delas son Marta González, propietaria do Pub La Gramola, recoñecida "polo seu esforzo, traballo e éxito profesional", convertendo o seu local nun punto de encontro imprescindible; e Fita Novas, fundadora da escola de danza que leva o seu nome e pola que pasaron moitas xeracións de pontevedreses "para aprender e practicar os diferentes tipos de danza".

Josefa García, esposa de 'Cholo', tamén está entre as homenexeadas pola súa "absoluta fidelidade e compromiso" cos Amigos de Pontevedra; así como Rafael Sánchez-Agustino "Fis", profesor de educación física do Sánchez Cantón e adestrador do Cisne na década dos 80.

Ademais, serán recoñecidos José Luis Sarandeses, responsable da programación cultural e festiva da cidade polo "desempeño extraordinario" do seu traballo ; e Manuel Piñón, fundador do Leis e do Cidade de Pontevedra, un referente do fútbol sala, deporte ao que se dedicou 44 anos "de maneira totalmente altruista".

Aquelas persoas que desexen asistir ao encontro, que se celebrará na Finca Batacos, poderán recoller as súas invitacións antes do mércores 7 de agosto na Vermutería La Fabulosa da rúa Michelena, na cafetería Blanco y Negro das Palmeias e no Hotel Comercio da rúa Augusto González Besada.