Xogar, aprender e gozar dun recurso turístico de primeira orde. É o que ofrece a nova APP impulsada pola mancomunidade Terras de Pontevedra. Estará centrada en divulgar a arte rupestre que se pode atopar nos concellos da comarca.
É una ferramenta coa que será posible coñecer, tanto dende a casa como in situ, parte da historia máis antiga de Galicia.
A aplicación permitirá coñecer os distintos centros de interpretación de arte rupestre distribuídos dentro de Terras de Pontevedra, escoitar as audio guías dalgúns deles ou percorrer os petróglifos a través dun mapa interactivo integrado co navegador do dispositivo.
Todo iso vai acompañado de xogos sinxelos relacionados coa arte rupestre, como cuestionarios sobre os petróglifos ou diferentes retos baseados na posición xeográfica do visitante. A medida que os usuarios visiten os distintos petróglifos da provincia, irán descubrindo cartas que os converterán en "mestres e sabios da tribo".
Será Petra, convertida en adolescente, a personaxe que guiará aos usuarios da app, axudándolles, ofrecéndolles consellos e abríndolles a porta a esta visita á Prehistoria.
Esta nova APP preséntase en tres idiomas -galego, español e inglés- e permitirá a descarga dos seus contidos previamente para poder consultalos sobre o terreo, incluídos os mapas que axudan ao usuario a chegar ata os lugares nos que se esconden estes vestixios do pasado.
Outra das novidades é que todo o código que se escribiu para programar a APP doarase á comunidade. Un código pagado con diñeiro público que volve á comunidade deste xeito simbólico e real: calquera persoa poderá descargar o código nativo da aplicación, construíndo versións ou variantes para xeolocalizar patrimonio ou outro tipo de obxectos localizados.
Pódese descargar en http://app.terrasdepontevedra.org.