A arte está nas súas mans

Pontevedra
25 de xuño 2015

Vinte e cinco rapaces participaron este mércores no obradoiro de escultura para persoas con discapacidade visual que se celebrou no Centro de Recursos Educativos da ONCE. Tratábase dunha nova actividade relacionada coa exposición Tactilia, un proxecto impulsado pola delegación de alumnos da Facultade de Belas Artes en colaboración con este organismo

Obradoiro de escultura para nenos con discapacidade visual no CRE da ONCE
Obradoiro de escultura para nenos con discapacidade visual no CRE da ONCE / Daniel Santomé

Vinte e cinco rapaces participaron este mércores no obradoiro de escultura para persoas con discapacidade visual que se celebrou no Centro de Recursos Educativos da ONCE. Tratábase dunha nova actividade relacionada coa exposición Tactilia, un proxecto impulsado pola delegación de alumnos da Facultade de Belas Artes en colaboración con este organismo.

Os nenos, en pleno campamento de verán, colaboraron activamente nesta experiencia, segundo os seus organizadores, mostrando a súa valía para a creación artística.

Cuns globos forrados con cinta adhesiva como punto de partida, o taller impartido por Pilar Picas e Cristina Rodríguez buscaba promover que os participantes "puidesen xogar co tacto dos materiais e os seus cambios de texturas", dando forma, unha vez explotados, a diferentes estruturas.

A pesares de que o punto de partida era sempre un globo cuberto de cinta, os participantes mesmo "buscaban e recoñecían as súas pezas", unha vez rematada a actividade. "Para nós foi unha experiencia moi enriquecedora e, aínda que, como en todas as partes, houbo a quen lle gustou máis e a quen lle gustou menos, moitos amosáronse moi concentrados na actividade e valoraron realmente o que estaban a facer", apuntou Pilar Picas. 

"Unha persoa cega non percibe as cores nin as formas como nós, pero ve doutra maneira e ás veces ve moito máis", destacou a representante da delegación de alumnos, que vén de vivir de primeira man unha demostración de que as persoas invidentes "poden facer todo aquelo que queiran facer".