A área sanitaria volve superar os 800 novos positivos diarios de covid-19

Pontevedra
13 de xaneiro 2022

Nas últimas horas, o Sergas realizou unha actualización dos datos oficiais de covid-19 en toda Galicia. Este xoves hai 6.610 casos activos na área sanitaria, 2.022 menos que o día anterior. Esta gran diferenza débese a unha actualización dos días de illamento e altas, pois nas últimas 24 horas déronse 2.914 altas epidemiolóxicas

Punto de realización de probas PCR
Punto de realización de probas PCR / Mónica Patxot

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés volve superar este xoves os 800 novos positivos diarios de covid-19. Tras o récord de 940 novos casos da última xornada, o último balance diario tamén deixa cifras ata o de agora nunca vistas de contaxios

Nas últimas horas, o Sergas realizou unha actualización dos datos oficiais de covid-19 en toda Galicia que pasan a incluír no cómputo de positivos os datos dos casos detectados por autotest en domicilio e tamén a revisar todos os datos actuais en base aos días de illamento e posterior alta, de modo que as cifras oficiais deste xoves deixan cifras que non poden terse en conta para facer unha radiografía real da situación. 

Si hai coincidencia nos novos positivos, que superan os 800 en todo caso, pero o balance oficial da web do Sergas fala de 815 e o facilitado pola área sanitaria recolle 892. 

Tamén saen datos rechamantes como que este xoves hai 6.610 casos activos na área sanitaria, 2.022 menos que o día anterior. Esta gran diferenza débese a esta actualización dos días de illamento e altas, pois nas últimas 24 horas déronse 2.914 altas epidemiolóxicas. 

En total, unha vez actualizados os protocolos, hai 6.542 pacientes illados en domicilio e 68 ingresados nos hospitais da área sanitaria. Son cinco menos que un día antes, cando había 73. 

En total, son oito pacientes na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, un máis que o día anterior: e 60 pacientes en planta de hospitalización, seis menos. Hai en planta 51 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 1 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez e 8 no Hospital do Salnés.

Desde o inicio da pandemia curáronse 30.094 pacientes (tras os 2.914 incorporados á lista nas últimas horas) e faleceron 235.

En canto a realización de probas diagnósticas, nas últimas 24 horas fixéronse 780 PCR, que elevan a 375.227 as xa efectuadas desde o inicio da pandemia; e 1.900 test de antíxenos, que sitúan o total en 197.895. Ademais, realizáronse outras 117.205 probas de detección da covid-19.